19 de out. de 2019

O ROSAL

19 DE OUTUBRO: DÍA MUNDIAL CONTRA O CANCRO DE MAMA “SÚMATE AO ROSA”

O vindeiro mércores 23 de outubro ás 20:00 horas, no salón de exposicións do Concello do Rosal haberá una conferencia  a cargo do Dr. Gonzalo Castro Parga

 o Concello do Rosal quere mostrar toda súa solidariedade con esta loita
Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal 

 O Concello do Rosal relembra que "cada ano, o 19 de outubro celébrase o Día Mundial Contra o Cancro de Mama como recordatorio do compromiso de toda a sociedade na loita contra o esta enfermidade. O cancro de mama é o tumor máis frecuente nas mulleres, e o Concello do Rosal quere mostrar toda súa solidariedade con esta loita, polo que nos vindeiros días iluminará os seus edificios públicos de cor rosa, cor representativa deste tipo de cancro. 

 En España diagnostícanse ao redor de 33.307 novos cancros de mama ao ano. 

 Esta data pretende sensibilizar á poboación cunha mensaxe clave: a importancia da detección precoz, que segue sendo a pedra angular da loita contra esta enfermidade, polo que é moi importante someterse a probas de diagnóstico precoz, xa que se o tumor é detectado na súa etapa inicial, as posibilidades de curación son moi altas".  

 Desde o novo goberno municipal que preside á alcaldesa Ánxela Fernández Callís afirman: "Queremos insistir na importancia da información con este tipo de enfermidades, polo que recordamos que o vindeiro mércores 23 de outubro ás 20:00 horas haberá una conferencia no salón de exposicións do Concello do Rosal a cargo do Dr. Gonzalo Castro Parga, recoñecido cirurxián da Unidade de Patoloxía Mamaria do CHUVI, e coordinador da Unidade de Mama do Hospital Vithas Fátima de Vigo".

Ningún comentario:

Publicar un comentario