O servizo de Gardacostas retirou desde a fin da veda do polbo máis de 12.000 nasas caladas de xeito irregular na costa galega
A Consellería do Mar reforzou os controis desde o inicio da campaña, na que estas artes concentran preto do 95% das incautacións realizadas
A Xunta chama á responsabilidade da cidadanía para que non adquira produtos fóra das canles legais de comercialización
O Servizo de Gardacostas de Galicia realizou entre xullo e setembro deste ano máis de 2.800 inspeccións
Foto: X.G.
Foto: X.G.
Infogauda / Galicia
O Servizo de Gardacostas de Galicia retirou nos tres primeiros meses de campaña de extracción do polbo máis de 12.000 nasas que estaban caladas de xeito irregular nas costas galegas. Estas cifras son o resultado do reforzo dos controis do ente dependente da Consellería do Mar desde que finalizou a veda desta especie e que supuxo que preto do 95% dos útiles incautados neses tres meses fosen nasas, principalmente de polbo, un produto que resulta atractivo para os furtivos pola súa gran calidade e os prezos que acada no mercado.
As zonas nas que os gardacostas retiraron máis nasas nestes tres meses foron o sur da ría de Arousa, con máis de 2.900 unidades, seguida da que vai de Fisterra a Porto do Son, con algo máis de 2.800, e da zona de Vigo-A Guarda -que inclúe toda a ría de Vigo e a zona costeira da Guarda-, con preto de 2.000 nasas. O resto das zonas xa quedan por debaixo das 1.300 unidades retiradas por estar caladas de xeito irregular.
O Servizo de Gardacostas de Galicia realizou entre xullo e setembro deste ano máis de 2.800 inspeccións, tanto pola costa como no interior da comunidade, e nelas contabilizou algo máis de 850 infraccións. Froito deses operativos comisou preto de 10.000 quilos de distintos produtos do mar e incautouse de máis de 13.000 útiles e aparellos de pesca.
Neste sentido, a Consellería do Mar volve facer un chamamento á cidadanía para que merque só produtos procedentes das canles legais, os únicos que contan con todas as garantías para o seu consumo, e lembra o dano que a actividade irregular fai aos profesionais do sector dada a importancia socioeconómica que as actividades pesqueira e marisqueira teñen na comunidade.
Importancia do polbo
O polbo é unha das especies máis importantes para a frota de baixura, da que na última campaña completa se comercializaron preto de 2.000 toneladas. Esas vendas deixaron uns ingresos próximos aos 17 millóns de euros, a cifra máis alta da última década. Mentres, nestes tres primeiros meses da actual campaña poxáronse máis de 550 toneladas, coas que os centros de primeira venda da comunidade recadaron máis de catro millóns de euros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario