30 de out. de 2019

TOMIÑO

A exposición “Unha mirada de antano” inaugúrase este xoves no Mercado Municipal 

A mostra reúne unha colección das fotos que a estadounidense Ruth Matilda Anderson, tomou en Galicia no século pasado  




 Infogauda / Tomiño

 Este xoves 31 de outubro ás 12:00 horas, no Mercado Municipal (1º andar), será inaugurada a exposición fotográfica “Unha mirada de antano”, da estadounidense Ruth Matilda Anderson, con imaxes captadas a principios do século pasado, durante unha expedición financiada pola Hispanic Society of America, institución educativa dedicada á arte e á cultura do mundo hispano.
  
 Previamente á inauguración, o Concello asinará un convenio con Abanca, un dos promotores da exposición. 

 A mostra, que permanecerá aberta até o 24 de novembro, está organizada pola Hispanic Society of America, co apoio de Afundación e Concello de Tomiño, e reúne unha colección de instantáneas que buscaban documentar a vida da xente, especialmente en aqueles lugares rurais de difícil acceso. Ata entón, as actividades da poboación traballando no campo e no mar, nin a cultura de Galicia, foran obxecto de atracción para a fotografía. 

  A actividade está enmarcada dentro do proxecto Corrente Cultural e supón unha aposta por espallar a cultura galega e construír unha rede de coñecemento que trascenda o material.  

 A exposición poderá visitarse todos os días (agás os luns), no 1º andar do mercado,  de 09:00 a 22:00 horas. 

Ruth Mathilda Anderson (nada en Nebraska en 1893) foi una fotógrafa estadounidense, que se iniciou no mundo da fotografía da man do seu pai, Alfred Theodore Anderson. Estudou un ano na Universidade Estatal de Nebraska en Lincoln e despois estudou Maxisterio na Escola Estatal de Profesorado de Nebraska, graduándose en 1915. Retomou os seus estudos na Universidade de Nebraska durante un semestre para despois marcharse a Nova York, diplomándose en 1919 na Escola de Fotografía Clarence H. White.  

 En 1921 cando traballaba como decoradora de interiores, foi contratada pola Hispanic Society of America. Alí actualizou a súa técnica como fotógrafa e investigadora e empezou a traballar como fotógrafa do museo e en 1922, nomeada conservadora de fotografía.  

 Na década de 1920, fixo cinco viaxes a España: por todo o país, en 1923; por Galicia e Asturias en 1924; por Galicia e León, en 1925 e 1926; por Estremadura e Castela, en 1927 e 1928; e por Castela, León e Andalucía en 1929 e 1930.  

 Despois desta última viaxe centro a súa carreira no estudo dos traxes típicos españois, publicando varios libros e artigos sobre o tema. Realizou unha última viaxe entre 1948 e 1949 centrándose neste campo. En 1954 foi nomeada conservadora de traxes da Hispanic Society, cargo que ocupou até a súa xubilación.  

Estancia en Galicia 

 Na súa primeira viaxe por Galicia tomou unhas 5.000 fotografías, moitas das cales aínda permanecen sen positivar, comprou outras 2.800 a fotógrafos locais. Na segunda viaxe tomou unhas 2.800 fotografías. As imaxes polo xeral, cobren a contorna rural e artesanías tradicionais. Estivo acompañada polo seu pai que escribiu un diario. Viaxaron cun Ford de aluguer e un chofer francés. Nas fondas onde se hospedaban improvisaban un cuarto escuro para ir revelando algunhas fotos. Na súa estancia na Coruña tomou leccións de lingua castelá e interesouse pola historia de Galicia, lendo a Manuel Murguía, e pola literatura galega, lendo a Rosalía de Castro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario