30 de out. de 2019

TURISMO

Román Rodríguez destaca o auxe do Camiño Portugués ao superar por vez primeira os 90.000 peregrinos  

O conselleiro de Cultura e Turismo asinou un memorando de entendemento coa entidade Turismo do Alentejo para colaborar no impulso da Ruta Xacobea



Destacou que Portugal “debe xogar un papel protagonista” no próximo Xacobeo 21, polo que ve necesario estreitar a colaboración entre administracións  

Puxo en valor o papel da cidade de Vigo como enlace do Camiño de Santiago co país veciño, unha faceta que se está reforzando de cara ao próximo Ano Santo

Infogauda / Vigo

  O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, destacou o auxe do Camiño Portugués interior e o da Costa ao superar por vez primeira os 90.000 peregrinos no que vai de ano. Fíxoo durante a sinatura dun memorando de entendemento coa entidade Turismo do Alentejo, representada polo seu presidente, António Ceia da Silva; co fin de colaborar no impulso da Ruta Xacobea.  

 No caso do Camiño Portugués, o responsable de Cultura e Turismo salientou no acto celebrado na delegación territorial da Xunta de Galicia en Vigo que no que que vai de ano foron xa preto de 70.000 persoas as que realizaron este itinerario, un 5,4% máis que en 2018, converténdose no segundo itinerario máis percorrido. 

CAMIÑO PORTUGUÉS DA COSTA: A RUTA DE MAIOR CRECEMENTO 

 No que respecta ao Camiño Portugués da Costa, explicou que se trata da ruta que rexistrou un maior crecemento ao recibir máis de 21.000 peregrinos, un 63% máis que o ano anterior, situándose como o terceiro itinerario máis frecuentado.  

 Segundo Román Rodríguez, estas cifras dan mostra da importancia do irmandamento entre Galicia e Portugal e do forte “legado xacobeo” existente nos dous territorios. Neste sentido, aclarou que o país luso debe xogar “un papel protagonista” no próximo Ano Santo, polo que considerou preciso estreitar a colaboración entre as distintas administracións co fin de seguir fortalecendo a presenza do Camiño no país veciño.  

 En paralelo, o responsable de Cultura e Turismo puxo en valor o papel da cidade de Vigo como enlace da Ruta Xacobea co país veciño, unha faceta que se está reforzando coa ollada posta no próximo Ano Santo. 

Colaboración conxunta   

 Entre as accións levadas a cabo para favorecer esa colaboración, o conselleiro de Cultura e Turismo resaltou o recente apoio á Federación Portuguesa dos Camiños de Santiago, formada por máis de 60 entidades entre asociacións de amigos do Camiño, concellos e institucións académicas, ou o encontro mantido este ano con Pedro Siza Vieira, ministro adxunto e da Economía de Portugal.  

 En paralelo, Román Rodríguez puxo en valor os pasos normativos dados no país veciño para a oficialización e sinalización dos itinerarios xacobeos, un proceso que contou desde o comezo coa complicidade da Xunta. De feito, esta liña de cooperación aberta cristalizou recentemente na constitución do Conselho Consultivo do Caminho de Santiago, un órgano constituído integramente por administracións e entidades lusas no que tamén participa o Goberno galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario