16 de out. de 2019

TOMIÑO

Trescentos cincuenta escolares apúntanse ás actividades extraescolares gratuítas subvencionadas polo Concello 

O programa de actividades esténdese entre os meses de outubro de 2019 e xuño de 2020, e representa un investimento superior a 15.000 euros  


Infogauda / Tomiño

 Un ano máis, o Concello de Tomiño financia un amplo programa de actividades extraescolares de balde ao longo de todo o curso, nos distintos centros educativos do municipio.  

 Tras o receso vacacional, reanudáronse as actividades extraescolares, de carácter gratuíto, para o alumnado de educación infantil e primaria.  

 Este curso 2019-2020, a oferta inclúe inglés, multideporte, lingua de signos, zumba e os obradoiros “Imaxinacción” e “Emociónate”. Esta actividade é  unha nova proposta para o alumnado de educación infantil, na que se traballa a intelixencia emocional, abordando de forma lúdica, contidos relacionados co autocoñecemento, a autoestima, a xestión das emocións, especialmente da frustración; o autocontrol, o traballo colaborativo e as habilidades sociais.  

 Deste xeito, máis de 350 escolares asistirán a estas actividades, para as que, nalgunhas disciplinas, foi necesario facer varios grupos debido á gran demanda de inscricións, que superaban o número máximo disposto para cada actividade.  

 O programa é unha iniciativa da Concellalía de Educación, que dirixe …. Para a selección das actividades, tivéronse en conta as características de cada centro, a acollida entre o alumnado (mínimo de 10 persoas interesadas por actividade), e tamén a vontade de incentivar a empregabilidade e o emprendemento, polo que se contactou con profesionais da zona directamente, non con empresas.  

 As actividades esténdense entre os meses de outubro de 2018 e xuño de 2019, e representa un investimento superior a 15.000 euros.  

 Cristina Martínez, concelleira de Educación, salienta o afán de brindar cada ano as actividades extraescolares que os propios colexios solicitan, pero ao mesmo tempo, ofrecer unha proposta equilibrada e novidosa, rica en valores coma a cooperación, a tolerancia, e fomentando ademais a igualdade de xénero e de oportunidades. “Este programa tenta ofrecer accións formativas en igualdade, co propósito de que todo o alumnado poida asistir ás clases que elixa, sen que o custe das mesmas, sexa un impedimento para aprender e integrarse”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario