15 de out. de 2019

TOMIÑO

O xurado do programa “Vilas en flor” visita Tomiño 

Tras a recepción no Concello, amosóuselle diferentes espazos verdes e proxectos medio-ambientais do municipio

Tres membros do xurado do programa “Vilas en flor”, visitaron onte Tomiño
Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño

 Tres membros do xurado do programa “Vilas en flor”, organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociacion de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), visitaron onte Tomiño, para coñecer o concello e os seus espazos verdes de valor ambiental e paisaxístico e proxectos municipais coma o de Cultivando paisaxes, Senda do Río Miño ou a recuperación ambiental do entorno da Fortaleza de San Lourenzo e da praia de Goián.  

 Tras a recepción no Concello, por parte da alcaldesa Sandra González, amosóuselles diferentes espazos verdes e proxectos medio ambientais do municipio, comezando pola transformación do núcleo urbano do Seixo, Praza da Mina, axardinamento de rotondas e outras superficies; dando conta tamén da importancia estratéxica do sector agrícola e viveirista na economía da vila.  

 O programa “Vilas en flor” suma xa 18 concellos. Aos cinco da primeira edición –Allariz, Chantada, Caldas de Reis, Betanzos e Ortigueira– sumáronse este ano outros 13, entre eles, Tomiño e A Guarda, da zona do Baixo Miño, na que o río, representa o elemento natural diferenciador deste territorio transfronteirizo, con gran relevancia non só desde un punto de vista ambiental senón tamén social, económico e cultural.  Na súa foz atópase o esteiro do Miño (humidal compartido entre Galicia e o Norte de Portugal que representa un ecosistema importante para a avifauna), zona protexida como parte da Rede Natura 2000. En xeral, toda a zona das marxes do propio río constitúe unha área de grande interese medioambiental e paisaxístico, cunha das mellores representacións de vexetación autóctona, que ten o seu máximo expoñente nos bosques de ribeira, e cunha elevada diversidade faunística.  

 O futuro Parque da Amizade pretende unir cunha ponte peonil e ciclista o Espazo Fortaleza (Goián) co Parque de Lazer do Castelinho (Vila Nova de Cerveira), dando corpo dentro da Eurocidade  a un espazo verdadeiramente europeo, sen fronteiras, para favorecer as relacións de lecer, deporte e coñecemento da memoria ambiental e cultural do río, nun ambiente de equilibrio entre as persoas e a natureza.  

 Tomiño ubícase no Baixo Miño, unha das zonas máis fértiles de Galicia. Os viveiros abundan neste territorio transfronteirizo onde son unha industria de longa traxectoria. En Goián celébrase anualmente pola primavera unha Mostra de Cultivos organizada por acuBam (Asociación de Cultivos Baixo Miño), que  colabora co Concello en iniciativas de recuperación e promoción do patrimonio paisaxístico como Cultivando Paisaxes, unha proposta da Fundación Xavier Pousa coa que dar a coñecer mediante distintas intervencións nas estradas a produción de flor e planta ornamental.  

 Vilas en Flor” é unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, chega este ano á súa segunda edición. A organización continúa a rolda de contactos cos concellos galegos de menos de 50.000 habitantes.  

 Unha das novidades, ademais dos concellos que participan por primeira vez, será a gala de entrega, que este ano terá lugar en Santiago, onde se coñecerá o gañador nunha cerimonia na que se vai manter a sorpresa ata o último momento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario