O pleno do Consorcio Provincial de Pontevedra para o servizo contra incendios e salvamento aproba por unanimidade o orzamento para 2020
As contas, que manteñen a liña do esforzo inversor deste ano, ascenderán a 3.780.100€ o que supón un incremento dun 2,13% con respecto a 2019
Amais
de Carmela Silva, á sesión plenaria asistiron o vicepresidente do Consorcio e Director Xeral de
Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, por delegación da
Vicepresidencia da Xunta; e as persoas representantes de ambas as dúas
institucións, os deputados Carlos Font e Santos Héctor Rodríguez, e o
delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís
Foto: D. PO.
Infogauda / Pontevedra
O pleno do Consorcio Provincial para a prestación do servizo contra incendios e salvamento, adscrito á Deputación de Pontevedra, e participado ao 50% pola institución provincial e ao 50% pola Xunta de Galicia, aprobou por unanimidade o orzamento para o vindeiro ano 2020. A sesión, presidida pola presidenta provincial Carmela Silva Rego, deu o visto bo ás contas que ascenderan ata os 3.780.100€, un 2,13% máis que este ano 2019, un orzamento nivelado tanto no estado de gastos como no capítulo de ingresos.
Á sesión plenaria asistiron, amais de Carmela Silva, o vicepresidente do Consorcio e Director Xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, por delegación da Vicepresidencia da Xunta, e as persoas representantes de ambas as dúas institucións, os deputados Carlos Font e Santos Héctor Rodríguez, e o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.
O orzamento de 2020, cuxa tramitación se aprobará directamente cos orzamentos da Deputación de Pontevedra, mantén o esforzo inversor que xa tivo neste ano 2019. De feito, o capítulo de investimentos se incrementa ata un 8,3% e estará destinado fundamentalmente a melloras nas instalacións dos parques da provincia, á adquisición de material técnico de intervención, e á compra dun vehículo FSV, con capacidade de intervención en núcleos de acceso complicado, onde os vehículos de primeira saída non poden acceder con facilidade polas súas características e dimensións.
Amais da aprobación do orzamento, o pleno deu tamén luz verde ás bases de execución, o cadro de persoal e de retribucións para o vindeiro ano, así como o informe de cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria e límite da débeda.
Por outra banda, na sesión tamén se aprobou por unanimidade a cesión gratuíta de 40 cascos de protección á Asociación Provincial de Agrupacións e Asociacións de Persoas Voluntarias de Protección Civil de Pontevedra.
Finalmente, deuse conta dos informes de intervención sobre o período de pago a provedores nos meses de abril a setembro que melloraron a súa ratio, sempre dentro dos parámetros que marca a lei, esforzo que foi destacado no pleno, enmarcado no código de boas prácticas e de boa xestión económica do organismo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario