OS CONCELLOS DA MANCOMUNIDADE INTERMUNICIPAL DO BAIXO MIÑO SEGUEN RECLAMANDO UNHA CITA CO CONSELLEIRO DE SANIDADE
As alcaldesas e alcaldes non entenden "como a consellería pode seguir sen responder á solicitude de reunión co conselleiro de Sanidade"
A alcaldesa do Concello do Rosal, Ánxela Fernández Callís - 1ª pola esq. - coa alcaldesa de Tomiño e os alcaldes de A Guarda e Tui, así como dous concelleiros, na reunión da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, celebrada hoxe na Casa do Concello do Rosal
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Baixo Miño
A comezos do pasado mes de xullo os alcaldes e alcaldesas dos concellos do Baixo Miño - agás a alcaldesa de Oia - mantiveron unha reunión para falar da situación da sanidade pública na comarca, solicitando unha reunión co conselleiro de Sanidade. Desde entón seguen esperando unha resposta.
O tema que protagonizou hoxe a reunión da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, constituída polos concellos de A Guarda, Oia, O Rosal, Tui e Tomiño; foi "a situación de precarización da sanidade pública, e a preocupación existente pola falta de medios materiais e persoais". As alcaldesas e alcaldes non entenden "como a consellería pode seguir sen responder á solicitude de reunión co conselleiro de Sanidade".
A Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño - que representa a unha poboación de máis de 51.000 habitantes - reclama públicamente unha resposta inmediata á solicitude de cita co conselleiro de Sanidade o Sr. Vázquez Almuiña. Os representantes dos concellos do Baixo Miño relembran que "a sanidade pública é un dereito e debera ser unha prioridade por parte da Xunta de Galicia. Trátase da saúde, e en definitiva da vida das persoas".
Desde a Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño consideran que "é inconcibible que o conselleiro non responda á solicitude de reunión dos representantes públicos da veciñanza desta comarca".
Ningún comentario:
Publicar un comentario