26 de out. de 2019

MORGADÁNS (GONDOMAR)

Acto de entrega do XII Premio de Poesía Victoriano Taibo  
Sábado, 16 de novembro ás 19:30H  
Escola de Guillufe, Morgadáns


IEM / Gondomar

 O concello de Gondomar e o Instituto de Estudos Miñoráns convocan os interesados a asistiren ao acto de entrega do XII Premio de Poesía Victoriano Taibo, galardón que recaeu no poeta vigués (miñorán de adopción) Francisco Javier Fernández Davila polo poemario titulado Mover os Marcos; o xurado salienta deste libro a unidade temática e estética á hora de expresar non só unha perda, tamén un transo vital en continuo ciclo, cunha voz poética forte e propia que mantén o pulso ao longo de toda a obra.  

 O acto, conducido por Pedro Rodríguez e o seu grupo Teatro do Ar, poralle un marco adecuado ao momento no que Fran Fernández, despois de ser introducido pola poeta miñorá e membro do IEM Marta Dacosta, recolla o galardón da man de Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar, e recite algúns poemas do seu libro. O premio está dotado con 3.000 € e unha peza escultórica obra do artista miñorán Fino Lorenzo e fabricada desinteresadamente por Carpintería Meixoeiro. Este evento cultural, que terá lugar na aula da planta primeira da escola de Guillufe, en Morgadáns, o sábado 16 de novembro ás 19:30 horas, estará amenizado pola banda de gaitas Balcón do Miñor, da mesma parroquia. Despois da clausura do acto por parte do alcalde Francisco Ferreira haberá un albaroque de confraternización no soto do edificio onde asistentes e participantes poderán intercambiar opinións e o autor asinará libros para quen o desexe.  

 Victoriano Taibo, poeta das Irmandades da Fala, foi unha figura sobranceira nos dous primeiros terzos do século XX. Mestre de profesión, tivo unha importante actividade cultural. Foi poeta das Irmandades da Fala, en cuxo movemento participou de xeito moi activo. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos, da Real Academia Galega e do Instituto de Estudos Históricos do Minho. Á parte dunha abundantísima obra espallada, publicou en vida os poemarios Abrente (1922) e Da vella roseira(1925) e a obra narrativa Da agra aberta, contos e lêndas (1956); deixou inéditos dous volumes de poemas, Abicedo e Cabrinfollas, publicados en 2008 por Armando Requeixo; neste mesmo ano 2008 recibiu unha homenaxe en Morgadáns, lugar onde exerceu a súa docencia durante 20 anos, organizada polo IEM, que con tal motivo reeditou Da agra aberta e publicou unha Revista monográfica sobre o personaxe que recolle interesantes aspectos da súa vida e obra, coa participación dun nutrido grupo de persoas do mundo da cultura.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario