A VOLTA DOS NOVE
Emotiva homenaxe ás familias do Val de Miñor represaliadas polo franquismo
E aos nove asasinados o 16 de outubro de 1936, na Volta da Bombardeira
Placa da autoría do escultor Fernando Casás que lembra os nove asasinados o 16 de outubro de 1936 na Volta da Bombardeira
Fotos: IEM
Infogauda / Baiona
Cun emotivo acto de homenaxe ás familias represaliadas no Val de Miñor concluiron ás Xornadas “A Volta das Nove”, organizadas polo IEM coa colaboración dos Concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán sobre a represión franquista contra as mulleres no Val de Miñor.
No acto que tivo lugar este sábado 26 de outubro, ás 12:00 horas no cemiterio municipal de Baiona, coordinado por Ana María Rodríguez, da Comisión “Volta dos Nove”, descubriuse unha placa da autoría do escultor Fernando Casás que lembra os nove asasinados o 16 de outubro de 1936 na Volta da Bombardeira, e que na primavera de 2009 o goberno municipal –naquela altura do Partido Popular- negouse a autorizar.
En nome das familias dos asasinados, interviu Aldo Dagraza Valverde.
O historiador Xosé Lois Vilar Pedreira, membro do IEM, fixo unha lembranza histórica para situar á audiencia no contexto dos feitos.
Recitaron Fran Alonso e Marta Dacosta, e Lucía César Veloso e Manolo Dopico, puxeron súas voces e á música.
Pechou o acto Carlos Gómez, alcalde de Baiona.
O asasinato dos Nove
O asasinato dos nove traballadores foi un acto de vinganza das forzas represivas trala morte do falanxista Luis Refojo, ocorrida en Sabarís, a tarde anterior das execucións. Refojo formaba parte dunha partida que entrou a tiros nunha vivenda ocupada por un home cego (Ventura Pérez), unha muller de 71 anos (Dolores Samuelle Álvarez, “Perfecta”, que traballaba como doméstica) e os irmáns Luís e José López Luís, “Os Ineses”, fuxidos dos represores, un deles co cargo de ter sido tenente de alcalde de Baiona durante a República. Unha vez asasinados os ocupantes da casa, os falanxistas decidiron marchar cara as cadeas de Vigo en busca de presos políticos sobre os cales descargar a súa ira pola morte do camarada.
Cando chegaron á cadea de Vigo, alí non lles deixaron coller a ninguén. Logo foron ao frontón da rúa María Berdiales que servía tamén de cadea. Meteron nove homes nunha camioneta e dirixíronse cara a Baiona. As testemuñas discrepan na hora na que os levaron a Baiona. En todo caso na madrugada do 16 de outubro, arredor da 1:00, nove veciños do Val Miñor foron asasinados á altura da Volta da Bombardeira, a carón da estrada Pontevedra-Camposancos.
Os Nove
• Manuel Aballe Domínguez, mariñeiro de Panxón, de 41 anos. Fillo de Modesto Aballe Macaya e de Benita Dominguez Salgueiro. Casado con Antonia Rial Veiro, deixou orfos dous fillos menores: Eugenio e Víctor.
• Felicísimo Antonio Pérez Pérez, mariñeiro de Panxón, 44 anos. Fillo de Antonio Pérez Dominguez e de Rosa Pérez. Casado, sen fillos.
• Elías Alejandro Gonda Alonso “O Ghonda”, labrador, de 36 anos, veciño de Santa Cristina da Ramallosa. Fillo de Ascensión Gonda Alonso. Casado cunha moza de Sabarís, Angelina Veiga Ríos, deixou orfos tres fillos menores: Isabel, Carmen e Manuel.
• Manuel Francisco Lijó Pérez “O Lijó”de 34 anos, natural de Corrubedo (Ribeira) aínda que vivía e traballaba como mariñeiro no barrio do Burgo (Baíña). Fillo de Francisco Lijó Oliveira e de Ramona Pérez Gonda, estaba casado con Eugenia Mijón Durán, veciña de Baiona. Deixou orfos a cinco fillos menores de idade: Mercedes, Manuela, Maximino, Oto e máis Eva.
• Modesto Fernández Rodríguez “O Rei Chiquito”, 47 anos, mariñeiro, veciño de Panxón, fillo de José Fernández e Dolores Rodríguez. Traballaba como mariñeiro. Do seu matrimonio con Rosalia Rodríguez Iglesias deixou orfos seis fillos menores: Gloria, Lidia, Juan, Enriqueta, Jaime e Álvaro.
• Fidel Leyenda Rodríguez “Tío Félix”, de 51 anos, mariñeiro de Baiona. Fillo de Eulogio Leyenda Álvarez e de Vicenta Rodríguez Miguez. Casado con Sofía Vieites Penedo, de Baíña, non deixou fillos.
• José Rodríguez González, “O Pelonio”. Fillo de Rufina Rodríguez González. Veciño da Porta da Vila, en Baiona. Tiña 45 anos. Este mariñeiro deixaría viúva a Clementina Freire Mosquera, de 43 anos, e orfos a Rogelio, Manuel, José, Melitón e África.
• Manuel Barbosa Durán, “O Ferreiro do Burgo”. Fillo de Alfredo Barbosa e Isabel Durán Álvarez. Era o máis novo dos asasinados. Tan só contaba con 30 anos de idade. Mecánico, natural de Bruña, foi vivir a Panxón tras o seu matrimonio con Julia Sanjuan García. Deixou catro fillos orfos: Oulia, Mª Carmen, Mª Encarnación e Manuel.
• Generoso Valverde Iglesias, fillo de Fermín e Constantina. Tamén traballaba como mariñeiro, e cando lle segaron á vida tiña 37 anos de idade. Natural e veciño de Panxón, casado con Aurelia Rodríguez Cabral, deixou seis fillos, todos eles menores: Generoso, José, Germán, Vicente, Elodia e Constante.
Ningún comentario:
Publicar un comentario