O Museo de Pontevedra rememorará esta semana a relación de Lorca con Galicia celebrando actividades para todas as idades
Unha ruta, contacontos ilustrados e unha conferencia centrarán a programación de ‘Pontevedra, cidade lorquiana' no Sexto Edificio
A
relación de Federico García Lorca con Galicia e, concretamente, coa
cidade do Lérez, centrará a nova proposta cultural que albergará ao
longo desta semana o Museo de Pontevedra
Foto: D. PO.
Infogauda / Pontevedra
A relación de Federico García Lorca con Galicia e, concretamente, coa cidade do Lérez, centrará a nova proposta cultural que albergará ao longo desta semana o Museo de Pontevedra. Así o confirmou hoxe o seu director, José Manuel Rey, ao detallar a programación de actividades que terán lugar no Sexto Edificio e que inclúen contacontos ilustrados para nenas e nenos, unha conferencia e unha ruta pola vila.
Serán os integrantes de Polo Correo do Vento os encargados de desenvolver a maior parte deste programa baseado, tal e como explicaron Enrique Mauricio e Carlos Taboada, no feito de que "Lorca chegou a Galicia por primeira vez o 25 de outubro de 1916 e visitou Pontevedra en dúas ocasións. É por isto que, sumándonos ao traballo que ven facendo de Alvarellos Editora neste senso, celebraremos o Día de Lorca en Galicia cunhas xornadas arredor da relación do poeta coa nosa cultura e a nosa vila".
Así, a partir de mañá realizaranse visitas escolares ao Museo de Pontevedra, xa concertadas cos centros educativos, que xirarán en torno ao autor dos Seis poemas galegos nas que, ademais, as e os participantes terán a oportunidade de realizar a súa propia caricatura do poeta granadino.
Pola súa banda, o xoves, ás 19:30 horas, o editor Henrique Alvarellos, acompañado polo xornalista Ramón Rozas, ofrecerá a conferencia Viaxe a García Lorca, poeta galego. "A decisión de García Lorca de escribir en galego e confesarse 'poeta galego' converteuno, en vida e ata hoxe, no gran embaixador da cultura e da lingua galegas polo mundo", destacou Alvarellos ao tempo que engadiu que "no Museo de Pontevedra falarei desta fonda relación e da ofrenda para a nosa lingua e cultura que constitúen os Seis poemas galegos".
O editor adiantou ademais que proxectará no Sexto Edificio un breve documental "moi descoñecido", da xira que a compañía La Barraca realizou por Galicia e Asturias en agosto de 1932.
"Levo varios anos investigando esta relación, esta empatía de Lorca con nós, e publiquei o resultado ata agora en dous libros, os dous editados por Alvarellos Editora, en 2018: El gran viaje de estudios de García Lorca e a edición facsimilar e ilustrada dos Seis poemas galegos", apuntou.
O sábado, ás 12:00 h, haberá un contacontos ilustrado para o público infantil en torno a ‘Seis poemas galegos' e ás 13:00 h comezará a ruta guiada por Enrique Mauricio e Carlos Taboada ‘Pontevedra, cidade lorquiana' que partirá do Sexto Edificio e transcorrerá polo edificio Castro Monteagudo do Museo, a praza da Ferrería, a rúa García Camba e as prazas de Galicia e San Xosé.
Ningún comentario:
Publicar un comentario