Presentación dun libro, sesión de Contacontos, espectáculo de Maxia e Festival de Corais
Son algunhas das propostas culturais para esta fin de semana
Infogauda / A Guarda
A Guarda prepárase para unha nova fin de semana na que destacan a presentación do libro «Déixate de contos» e da editorial «Elefantes de Papel»; unha sesión do «Contacontos ilustrado Mulleres Galegas»; o espectáculo de maxia «Do Maxín á Realidade»; e o I Festival de Corais de Outono.
VENRES 18
Para conmemorar este ano o Día das Bibliotecas, que se celebra cada ano o 24 de outubro, a Biblioteca Pública Municipal de A Guarda organiza 4 actividades. A primeira delas terá lugar este venres día 18 de outubro ás 18:00 horas, na Biblioteca Pública Municipal, e consistirá no “Contacontos ilustrado Mulleres Galegas”, a cargo de Polo Correo do Vento.
Dun xeito divertido e participativo, Polo Correo do Vento contan a vida de varias mulleres galegas: Ángeles Alvariño, Maruja Mallo, Ernestina Otero, María Victoria Moreno e Ángela Ruiz.
Enmarcado no programa Ler Conta Moito, da Xunta de Galicia, trátase dun contacontos indicado para nenas/os a partir de 3 anos.
Tamén na xornada deste venres, ás 20:00 horas, o salón de actos do Centro Cultural acollerá a presentación do libro «Déixate de contos», de Berto Pirata.
«Déixate de contos», que xa vai pola segunda edición, é un libro tenro que afonda na relación entre un pai e os seus xemelgos a través de relatos onde os tres aprenderán de que vai realmente a vida.
Do mesmo xeito realizarase a presentación da Editorial «Elefantes de Papel», a cargo de María Salinas García e Berto Pirata.
«Elefantes de Papel» é un proxecto comprometido e posto en marcha con moita ilusión, que vén coa intención de facilitar a publicación a aquelas persoas que soñan con facelo.
SÁBADO 19
O salón de actos do Centro Cultural acollerá este sábado ás 18:30h o espectáculo «Do Maxín á Realidade».
«Do Maxín á Realidade» é un espectáculo de maxia que nos leva a vivir unha experiencia única. A maxia é o fío condutor desta viaxe, que nos fai dubidar da realidade, das propias leis físicas que rexen o noso mundo,… Dese xeito, da man do ilusionista, entramos no mundo do maxín, onde todo, ou case todo é posible.
Incluído nas actividades de lecer do I Encontro de Ecoturismo & Gastronomía
do Río Minho» que se celebra na Guarda e Caminha do 17 ao 19 de outubro, «Do Maxín á Realidade» está subvencionado a través do programa Pontegal, da Deputación de Pontevedra.
DOMINGO 20
O domingo ás 18:00 horas, a Igrexa Parroquial de Santa María de A Guarda acollerá o I Festival de Corais de Outono. Participarán ás seguintes corais:
· Agrupación Coral Polifónica de A Guarda
· Coral A Torre, de Maside (Ourense)
· Coral do Clube da Terceira Idade e Pensionistas de A Guarda
O I Festival de Corais de Outuno está organizado polo Clube da Terceira Idade e Pensionistas da Guarda coa colaboración do Concello de A Guarda e da Cafetería do clube da Terceira Idade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario