Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda, solicita novamente a mellora na estrada PO-352 de circunvalación ao Monte Santa Trega
“Esta
estrada é moi transitada por vehículos, autobuses e camións de todo
tipo, incrementándose a intensidade do tráfico na tempada estival para o
acceso ás praias fluviais existentes na desembocadura do Río Miño (...)”
Antonio Lomba Baz, alcalde do Concello de A Guarda
Foto: C.A.G.
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O alcalde do Concello de A Guarda, Antonio Lomba Baz, ven de solicitar novamente unha reunión coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, de cara a mellorar a seguridade cunha actuación integral na estrada PO-352, de circunvalación ao Monte Santa Trega.
O alcalde non dubida en indicar que “esta estrada é moi transitada por vehículos, autobuses e camións de todo tipo, incrementándose a intensidade do tráfico na tempada estival para o acceso ás praias fluviais existentes na desembocadura do Río Miño, sendo empregada igualmente por peóns e deportistas que se ven obrigados a transitar por unha beirarrúa moi estreita e que en moitos puntos é inexistente, pondo en perigo a súa integridade.
É por iso que dende fai tempo se ven demandando esta obra para a mellora da seguridade deste vial, que é competencia da Xunta de Galicia. É necesario dotar á mesma dunha senda para a circulación segura dos peóns, así como mellorar a seguridade do tráfico en algúns puntos concretos co ensanchado desta vía”.
Antonio Lomba participoulle á conselleira as súas inquedanzas, reiterando a petición dunha xuntanza “para trasladarlle as problemáticas existentes neste vial e definir as actuacións que son necesarias acometer para converter esta estrada nunha vía segura para o tráfico de vehículos e para os peóns”.
FAI FALLA VONTADE POLÍTICA E DOTACIÓN ORZAMENTARIA
Desde este xornal dixital transfronteirizo podemos afirmar que é digno dun récord Guinness que tendo en conta os tramos nos que non existen beirarrúas e mesmo nin apenas un arcén axeitado, non teña habido ata agora que lamentar - que nós saibamos - víctimas causadas polo tráfico rodado, toda vez que son moitas persoas as que a cotío transitan por esa estrada, pondo en práctica o que de xeito coloquial denominamos “dar á volta ao monte”. Iso é unha realidade que á maioría dos veciños coñecen, pero semella que desde algúns departamentos da Administración autonómica non queren recoñecer. Ou alomenos iso é o que cabe interpretar, toda vez que á demanda de dotación de beirarrúas non é de agora. É unha lexítima aspiración non soio do alcalde, senón dos veciños do termo municipal de A Guarda e mesmo dos visitantes, moitos dos cales, son asiduos veraneantes vidos de diversas procedencias, tanto nacionais como extranxeiras, e sorpréndense ao constatar que van pasando os anos, aumentan o números de vehículos a motor, os peóns camiñan habitualmente por esa estrada é esta presenta dous tramos sen beirarrúas. Porlle solución a esa inxustificada carencia é algo para o que tan soio fai falla vontade política e dotación orzamentaria por parte da Administración competente. E cando está en xogo á íntegridade física das persoas, non cabe dúbida que é urxente resolver do mellor xeito posible á actual situación que non é de agora, como decimos, senón de fai varias décadas. Investir en seguridade vial non é gastar. É protexer aos usuarios da vía pública. Que ninguén o esqueza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario