OS SOCIALISTAS DE TOMIÑO CUESTIONAN AO GRUPO MUNICIPAL DE GOBERNO DO CONCELLO
"(...) Pola
situación da obra no Campo do Alivio, por ser un tema que preocupa
moito a veciñanza tomiñesa e que pese a estar adxudicada dende o dia 6
de Marzo continua a día de hoxe totalmente paralizada (...)"
O pasado xoves 19 de Setembro celebrouse en Tomiño o Pleno Ordinario correspondente ao mes de Agosto. O grupo Municipal Socialista formulou diversas preguntas ao Goberno, entre elas, a voceira Violeta De Santiago preguntou pola situación da obra no Campo do Alivio, por ser un tema que preocupa moito a veciñanza tomiñesa e que pese a estar adxudicada dende o dia 6 de Marzo continua a día de hoxe totalmente paralizada.
Constatamos que este Goberno é especialista en botar pelotas fora, pois todas as responsabilidades recaen sobre todos os demais implicados sin asumir eles absolutamente ningunha.
Citan a Directiva do clube, por solicitar melloras no proxecto inicial, a Deputación de Pontevedra, a empresa adxudicataria, pero o certo é que a día de hoxe a situación empeza a ser insostible e os socios/as, xogadores/as e directivos/as reclaman solucións urxentes, pois a crise económica derivada de non poder explotar a cantina, únese a grave perda que supuxo ter pechado o Campo nas festas do Alivio, ao que hai que engadir o risco de padecer unha crise deportiva e incluso social.
Á pregunta da voceira socialista no pleno polos prazos para o remate da obra nin o Concelleiro de Deportes anterior nin o actual souberon ou quixeron dar unha resposta. Hoxe sabemos que entre outras cousas, ainda está sin asinar a ampliación do proxecto.
As e os Socialistas de Tomiño consideramos que o apoio do Deporte non pode consistir tan só na celebración dunha Gala anual, ou na publicación de fotos loubándonos de cando mola Tomiño. O C. F. TOMIÑO ten un serio e grave problema e non merece que a contestación para zanxar o debate sexa un irónico "As obras son así".
Socialistas de Tomiño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario