25 de set. de 2019

PONTEVEDRA

VISITAS DIDÁCTICAS AO MUSEO DE PONTEVEDRA

DE NOVO DISPOÑIBLES PARA OS COLEXIOS DA PROVINCIA   

O programa ‘Coñece o Museo’ da Deputación financiará un autobús e unha actividade por centro escolar ata esgotar orzamento 
Os colexios da provincia xa se poden acoller ao programa ‘Coñece o Museo de Pontevedra’ e concertar visitas didácticas
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 Os colexios da provincia xa se poden acoller ao programa ‘Coñece o Museo de Pontevedra’ e concertar visitas didácticas para achegar ás e aos seus escolares toda a riqueza cultural das coleccións do Museo. Para cumprir con ese obxectivo, a Deputación de Pontevedra financiará unha visita e un autobús por centro escolar ata esgotar a dotación orzamentaria. 

 As visitas das nenas e nenos, xunto ao seu profesorado, realizaranse dentro do horario de apertura ao público do Museo, entre as 10:00 e as 21:00 horas, e o tempo de visita poderá variar entre unha hora e unha hora e media en función do itinerario elixido. 

 Poderase escoller entre percorridos de carácter xeral ou temáticos segundo o nivel do alumnado, e o grupo visitante irá sempre acompañado polo persoal do gabinete didáctico, quen dependendo da modalidade escollida poderá facerlle entrega ao alumnado de material educativo complementario. 

 A Deputación de Pontevedra farase cargo dos gastos da visita didáctica, así como do transporte do grupo escolar ata o Museo (un autobús por centro) ata esgotar a dotación orzamentaria. Quedarán excluídos da axuda económica para o transporte os centros escolares do núcleo urbano da cidade de Pontevedra. 

 Para concertar a visita e tramitar a subvención é preciso concertar a actividade co gabinete didáctico do Museo a través do teléfono 986 804 100 (extensións 42412 e 42413), ou a través do correo electrónicogabinetedidactico.museo@depo.es. Unha vez reservada a data, é preciso cubrir o formulario de solicitude e presentalo, xunto co orzamento detallado da empresa de transporte –a tramitar polo colexio-, cunha antelación de polo menos 15 días á súa realización.  

 Existen varias fórmulas para a presentación dos trámites: no rexistro administrativo da Deputación de Pontevedra; na súa sede en Vigo; nos rexistros electrónicos de calquera órgano administrativo que pertenzan á administración local ou autonómica (Oral, concellos, ou Xunta de Galicia); nas oficinas de Correos por envío certificado; ou por vía electrónica a través da sede electrónica da Deputación de Pontevedra.  

 Para máis información sobre o programa os centros escolares poden chamar ao teléfono 986 804 100, extensións 42412 e 42413, ou solicitala a través do correo electrónico: gabinetedidactico.museo@depo.es.

Ningún comentario:

Publicar un comentario