O Concello de Oia adxudica a redacción do PXOM
A alcaldesa e demáis membros da Corporación Municipal do Concello de Oia, nunha recente sesión plenaria
Foto: C.O.
Infogauda / Oia
O Concello de Oia adxudicou de forma provisional o contrato administrativo de redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) á UTE Urben Consultores SL-Indultec Ingenieros, S.L.U., por un importe de 114.783,77 euros.
O adxudicatario terá que acreditar no prazo de dez días hábiles a documentación xustificativa das circunstancias da personalidade, capacidade, solvencia, experiencia do técnico redactor e titulacións do persoal técnico.
O acordo adoptouse en recente sesión plenaria do Pleno da Corporación Municipal do Concello de Oia, cos votos a favor dos concelleiros do Partido Popular e coa abstención dos concelleiros dos grupos do PSOE e BNG.
O equipo de goberno municipal, presidido pola alcaldesa Cristina Correa Pombal, conta con que, antes de final de ano, o adxudicatario presente un plan de traballo cos prazos estimados de cada unha das fases de redacción do PXOM ata a súa aprobación definitiva. O contrato terá unha duración de 5 anos, que inclúe os prazos estimados cos que contan as distintas administracións para emitir os informes correspondentes.
Modificación puntual das Normas Subsidiarias
Mentres o PXOM vai cumprimentando os seus trámites, o executivo municipal vai avanzando na tramitación da modificación puntual de diversos aspectos normativos das Normas Subsidiarias de planeamento do concello.
Esta modificación puntual inclúe como proposta adaptar as normas á lexislación vixente en materia de alturas libres mínimas de locais comerciais e oficinas, co fin de facilitar a implantación deste uso en numerosos locais existentes no municipio que non cumpran este requisito. Tamén se incorpora unha nova redacción á hora de regular situacións fóra de ordenación, establecendo un réxime menos restritivo aplicable ás edificacións que se atopen en tal situación.
Así, despois da publicación no DOG do informe ambiental estratéxico da modificación puntual, o Concello encóntrase agora elaborando a documentación para a aprobación provisional, previo informe dos servizos técnicos e xurídicos municipais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario