2 de set. de 2019

O ROSAL

XXX FESTIVAL MÚSICOS XOVES  

Esta fin de semana tivo lugar o Festival Músicos Xoves, cita anual de todos os veráns no Rosal 


Banda de Música da Agrupación Musical do Rosal
Fotos: Luis Dorado Senra


Infogauda / O Rosal 

 O sábado 31 de agosto, ás 20:30 horas, tivo lugar na Praza do Calvario o XXX Festival de Músicos Xoves, evento organizado pola Agrupación Musical do Rosal.

 Este ano participaron tres agrupacións da provincia:

· Banda de Música de Chapela
· Banda Escola de Música de Beade
· Agrupación Musical do Rosal 

 A banda anfitrioa estivo dirixida por Javier Alonso Pérez (Vigo, 1982), que debutou como novo director da Agrupación Musical do Rosal
 
 Desde a Agrupación Musical do Rosal lembran que “a idea deste evento xurdiu coa intención de reunir no noso concello diferentes bandas que se caracterizasen por contar cun bo número de xente nova entre os seus membros, e así levar adiante un proxecto con continuidade e recoñecemento na bisbarra do Baixo Miño. 

 Ademais, este festival pretende mostrar o importante labor que realizan as escolas de música na formación inicial dos músicos galegos e na mellora da calidade das bandas populares. 

 Parece que foi onte cando se empezou a celebrar e xa vamos pola 30 edición. Corría o ano 1989 cando se realizou a primeira edición, sendo un dos primeiros festivais de bandas que se organizaron en Galicia e consolidándose, co tempo, como un dos mellores, e polo cal levan pasado bandas de toda a nosa comunidade, España e Portugal.”  

                     David González Sobrino dirixiu a Coral da Agrupación Musical do Rosal
                                                 

 Onte domingo 1 de setembro ás 20:00 horas, na Igrexa Parroquial de Santa Mariña foi o turno das corais, actuando a Coral Frol Nova de Chapela, a Coral Polifónica Cantores de Arnoia (Ourense), rematando a xornada a Coral da Agrupación Musical do Rosal, dirixida por David González Sobrino.  

 Desde o executivo municipal do Concello do Rosal que preside á xoven alcaldesa Ánxela Fernández Callís, queren agradecer de xeito particular a Luis Dorado Senra pola cesión das súas imaxes do evento, así como facer un recoñecemento público á Agrupación Musical do Rosal polo seu gran traballo no ámbito musical no noso Concello.

Ningún comentario:

Publicar un comentario