3 de set. de 2019

O RIBEIRO

Ribadavia prepárase para acoller as Festas do Portal 2019 

A Deputación de Ourense colabora con esta celebración, na honra da patroa do Ribeiro, que terá lugar do 7 ao 9 de setembro.      

Ademais, este ano, dentro da programación destas Festas desenvolverase a 13ª edición do Festival Arteficial, a romaría da música e cultura alternativas do Ribeiro.


A presentación desta festa tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde e a concelleira de Cultura de Ribadavia, César Fernández e Yolanda Gómez; e os representantes da Asociación Arteficial, Claudia Gómez, Alberto Chousal e Manuel Araújo. 
Foto: D. OU.

Infogauda / Ribadavia

 O Concello de Ribadavia prepárase para acoller as Festas do Portal 2019, do 7 ao 9 de setembro, cun amplo e variado programa de actividades. Ademais, este ano, dentro da programación destas festas celebrarase a 13ª edición do Festival Arteficial, a romaría da música e cultura alternativas do Ribeiro, o día 7 de setembro. A presentación desta festa tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde e a concelleira de Cultura de Ribadavia, César Fernández e Yolanda Gómez; e os representantes da Asociación Arteficial, Claudia Gómez, Alberto Chousal e Manuel Araújo.  

 A Deputación de Ourense colabora con esta celebración "na honra da Virxe do Portal, patroa do Ribeiro, cun completo e variado programa de actividades infantís, deportivas e culturais, deseñadas para tódolos públicos e que este ano, inclúe na súa programación o Festival Arteficial, un dos cen proxectos culturais seleccionados dentro do Banco de Boas Prácticas de Xestión Cultural elaborado pola AGPXC e galardoado no ano 2018 co Premio Rodolfo Prada á Xestión Cultural, na categoría de colectivos de carácter afeccionado, entregado pola Deputación de Ourense", lembrou Rosendo Fernández.  

 Pola súa parte, o alcalde de Ribadavia dixo que os obxectivos das Festas do Portal deste ano son "poñer en valor o traballo que realizan os colectivos e asociacións do municipio, recuperar o concepto de verbena tradicional e facer un programa variado con actividades que nos permitan chegar a tódolos públicos e que se desenvolvan en diferentes puntos da nosa vila para que toda a veciñanza de Ribadavia se sinta partícipe da festa". 

 Neste mesmo sentido, César Fernández salientou que o municipio de Ribadavia "destaca por ter un tecido asociativo moi activo e é o que finalmente posibilita que teñamos tanta actividade ao longo do ano e, desde a o Concello de Ribadavia, o noso labor é colaborar de xeito decidido e directo con todos eles para continuar a dinamizar a vida cultural da nosa vila e converter a Ribadavia en capital e referente cultural da nosa provincia".  

 A programación das Festas do Portal inclúe actividades infantís, charangas, grupos de gaita, orquestras, actividades deportivas con torneos de fútbol sala feminino, balonmán, fútbol de veteranos, entre outras moitas iniciativas. "A ofrenda floral que confeccionan tódolos anos as Mulleres Rurais, pola que pasa a procesión do día 8 de setembro, estará dedicada ao Concello de Melón, como municipio oferente este ano", explicou o alcalde de Ribadavia.  

Festival Arteficial  

 A 13ª edición do Festival Arteficial ofrecerá, nas rúas e prazas do conxunto histórico de Ribadavia, máis de doce horas de música en vivo ao longo dunha única xornada, o 7 de setembro. Os barrios da Madalena e da Oliveira acollerán os escenarios de Alhambra, Thunder Bitch, Socias e socios Arteficial e Reboreda.  

 Nesta edición actuarán as bandas galegas Chicarrón, Lois, Dreyma, Meneo, Deva e Isaac Pedrouzo, ademais dos barceloneses Za! e os conxuntos madrileños Ambre e Trajano. O Festival tamén achegará bandas internacionais da escena alternativa como La Rueda, que mestura os ritmos ancestrais de Guinea e Colombia con beats electrónicos.  

 Como actividades complementarias aos concertos, esta edición do Festival ofrecerá ás 12.00 horas a exposición "Ribadavia a través dos meus ollos", que poderá visitarse ata as 13.30 horas e desde as 16.00 ás 18.00 horas. Ás 12.30 horas será a apertura do Mercado das Sementes e da Zona Gastro e, a esa mesma hora, tamén será o baile cos Cabezudos de Ribadavia e un obradoiro infantil. Tamén para os máis cativos haberá ás 19.30 horas unha actividade infantil chamada "O espírito da muralla".  

 O Festival Arteficial, por terceiro ano consecutivo, establece unha entrada solidaria e voluntaria que consiste nunha doazón de alimentos non perecedoiros en colaboración coa Cruz Vermella, xa que a entrada ao festival é gratuíta. Ademais, por segundo ano consecutivo, a organización do Festival activa o protocolo contra agresións machistas para ofrecer ferramentas na loita contra as agresións machistas, facilitando pasos a seguir, información e apoio á vítima.  

 Manuel Araújo destacou a implicación da mocidade que traballa "para que Ribadavia sexa unha fonte que emana cultura en tódalas súas vertentes" e como mostra dese compromiso o Festival Arteficial, chega a súa 13ª edición, como "referente a nivel galego e no norte da Península". Así mesmo, Manuel Araújo dixo que este festival é "un evento con música de vangarda no que prima o contemporáneo, pero que pon tamén en valor a historia e o patrimonio da vila de Ribadavia".

Ningún comentario:

Publicar un comentario