18 de set. de 2019

GONDOMAR

Presentación da curtametraxe "Os Uruguaios viñeron despois", de Pablo Casal

Venres 4 de outubro, as 20:30 h. no auditorio Luís Tobío


IEM / Gondomar

 O próximo venres 4 de outubro, as 20:30 h no auditorio Luís Tobío de Gondomar, presentarase a curtametraxe Os Uruguaios viñeron despois. Con guión de Pablo Casal e producida por Ñó! Espazo Creativo e o propio Pablo Casal.  

 A presentación correrá a cargo da xornalista e guionista de cine e televisión Araceli Gonda, de Morgadáns.  

 Este traballo foi realizado ao longo de case catro anos por persoas que viven na súa meirande parte en Gondomar. Todas as localizacións e escenas graváronse neste concello.  

 Esta tolemia histórico-medioambiental reflicte as nosas inquedanzas e desacougos como habitantes do Val de Miñor, como cidadáns galegos, en contra da deforestación e do empobrecemento da terra. Temos moitos recursos naturais que non se aproveitan porque vivimos esencialmente de costas á natureza, instaurados en permanente posición de presunta superioridade e depredación.  

 Antes tiñamos unha paisaxe en mosaico. As estacións coloreaban a vida, primavera e outono eran un espectáculo, ante os nosos ollos despregábase unha vizosa paleta de cores, chea de matices, as forestas prognosticaban a estacionalidade. Todo isto fixábanos máis a terra, ao mundo, fidelizábanos, uníanos… logo chegaron tempos de depredación, de monocromía, dun único ral, de cultivos aliñados marcialmente dispostos a abrir fogo. Agora seica tocamos fondo e parece que hai esperanza, en xeral albíscanse cambios e unha volta ás raíces…imos ver…  

 Unha alternativa ao irracional proceso despilfarrador dos recursos naturais pasa pola correcta xestión da compostaxe da materia orgánica que producimos a diario.  

 A vida, tal e como a coñecemos, sería inviable sen a sempiterna descomposición da materia orgánica e a súa reintegración nos novos procesos vitais… a retro-alimentación permanente…eterna.  

 Ao mesmo tempo, queremos amosar o noso respecto e recoñecemento a todos aqueles e aquelas que dende a distancia fixeron país, e afondaron nas raíces e nos valores da cultura galega vencellada cos pobos que os acollían (Uruguai, Arxentina, Venezuela, Cuba, México…).  

 Ó mesmo tempo comezouse cunha campaña de micromecenazgo, pola que agradecemos de antemán as aportacións que poidades achegar para axudar a sufragar os gastos derivados da edición, montaxe, gravación e maquetación desta curtametraxe.  

 Non tivemos financiamento externo polo que tódolos gastos foron cubertos por nós. Calquera aportación será ben recibida. A partir dunha doazón de 10€ teredes un agasallo vencellado coa curtametraxe. 

 A conta de Ñó! Espazo Creativo: ES03 2080 1194 6130 4001 3843  

 A ligazón do Facebook  

 https://www.facebook.com/Curtametraxe-Os-Uruguaios-Vi%C3%B1eron-Despois-101146181270817/

Ningún comentario:

Publicar un comentario