12 de set. de 2019

COOPERACIÓN

XUNTA DE GALICIA E CIM ALTO MINHO COMPROMÉTENSE A TRABALLAR NA MELLORA DAS LIÑAS DE TRANSPORTE TRANSFRONTEIRIZAS  

· Uxío Benítez explicou que as principais medidas serían a ampliación das liñas de autobuses comarcais e a coordinación de horarios e paradas   


O director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez vén de manter unha reunión con representantes dos gobernos galego e portugués dentro da convocatoria de encontros impulsada pola iniciativa europea B-Solutions 
Foto: D. PO.
 
Infogauda / O Baixo Miño

 O director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez vén de manter unha reunión con representantes dos gobernos galego e portugués dentro da convocatoria de encontros impulsada pola iniciativa europea B-Solutions, que ten por obxectivo superar os atrancos legais e administrativos que afectan á mobilidade entre os dous países, na que tamén estivo presente a experta xurídica asignada pola Comisión Europea, María Gamayo.  

 No encontro participaron o director Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Ignacio Maestro; o subdirector Xeral de Ordenación do Transporte, Antón García Río; representantes da CIM Alto Minho e da Autoridade de Mobilidade e Transporte de Portugal así como o subdirector de Acción Exterior e Cooperación Transfronteiriza, Xosé Lago García eo coordenador de Cooperación do CCDR-N, Nuno Almeida.  

 O principal acordo acadado na xuntanza, segundo explicou o director do AECT Rio Minho e deputado provincial Uxío Benítez, foi o compromiso de traballar conxuntamente na extensión das liñas de transporte públicas procedentes de Vigo e Viana do Castelo até concellos da fronteira como Valença e Vigo, respectivamente. Así mesmo, tamén se viu a necesidade da coordinación de horarios e paradas entre os concellos de Monçao e Salvaterra, Cerveira e Tomiño e Valença e Tui, de xeito que unha liña que por exemplo chega a Monçao poida coordinarse cunha que saia dende Salvaterra.  

 O proxecto Boosting Minho River Cross – Border Mobility, depende da convocatoria da Comisión Europea B- Solutions, unha iniciativa destinada a solventar as barreiras de carácter administrativo e legal que se verifican nas fronteiras en áreas como o emprego, a saúde, o transporte, o plurilingüismo e/ou cooperación institucional, e está orientada principalmente a entidades públicas. O AECT Rio Minho foi unha das 20 entidades europeas que recibiu esta subvención que consta dun orzamento de 25.000 €.

Ningún comentario:

Publicar un comentario