17 de ago. de 2019

XUVENTUDE

Unha quincena de mozas e mozos galegos marchan ao Xapón para realizar un intercambio internacional promovido pola Xunta de Galicia 

Os participantes viaxarán á prefectura de Wakayama e contarán con aloxamento en réxime de pensión completa, transporte no ámbito do intercambio e actividades organizadas pola entidade de acollida

A irmandade entre Galicia e a rexión de Wakayama aprobouse en 1998
Foto: X.G.
Infogauda / Galicia

  Unha quincena de mozas e mozos galegos partirán o luns ao Xapón para participar nun intercambio xuvenil no marco do programa A Xuventude no Mundo impulsado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ao abeiro das relacións bilaterais que mantén con distintas entidades noutros países. O obxectivo é facilitar o coñecemento doutras realidades socioculturais e lingüísticas, así como favorecer e potenciar a adquisición de habilidades e competencias non formais.  

 Así, os participantes da iniciativa, mozas e mozos residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, viaxarán a Prefectura de Wakayama, no país nipón. O intercambio cubre o aloxamento en réxime de pensión completa en cuarto de uso múltiple, o transporte no ámbito do intercambio e as actividades organizadas pola entidade de acollida.  

 Neste senso, a Xunta de Galicia aposta por facilitarlle experiencias no estranxeiro á mocidade galega co fin de mellorar as súas habilidades, as súas competencias lingüísticas e os seus coñecementos sobre outros estilos de vida e culturas. Esta aprendizaxe e implicación activa serviralles para a súa vida persoal pero tamén para mellorar a súa empregabilidade. Por iso, ademais deste intercambio, a comezos de setembro outras 20 persoas participarán nunha actividade semellante en Venecia, Italia. 

Patrimonio da Humanidade  

 As dúas cidades escollidas para esta experiencia teñen o recoñecemento de Patrimonio da Humanidade. O intercambio na de Wakayama ten por lenda O Camiño Kumano Kodo. As actividades previstas son percorrer un tramo da ruta Kumano Kodo, visitar lugares tradicionais da cultura xaponesa, encontros con mozos e mozas nipóns e aloxamento durante catro días con familias do lugar.  

 A irmandade entre Galicia e a rexión de Wakayama aprobouse en 1998 e, desde entón, foron varios os programas conxuntos que desenvolveron, sobre todo centrados no turismo e na cultura. Esta será a 17ª experiencia de intercambio xuvenil entre a Xunta e a Prefectura de Wakayama, sumando un total de 275 participantes.  

 Pola súa banda, o intercambio de Venecia terá lugar do 2 ao 9 de setembro de 2019. As persoas participantes visitarán a Basílica e a praza de San Marcos, o Pazo Ducal, as illas de Murano e Burano, o Teatro La Fenice e o Museo de Historia Natural. Tamén realizarán encontros con mocidade veneciana e unha cea intercultural.  

 Este será o terceiro intercambio entre a Xunta e a entidade Polo Técnico Profesionais I.S.S. de Venecia, que suma ata o día de hoxe 60 participantes desde 2018.

Ningún comentario:

Publicar un comentario