6 de ago. de 2019

PONTEVEDRA.

A presidenta da Deputación de Pontevedra comprométese a "redobrar a colaboración" da Deputación de Pontevedra coa Comandancia da Garda Civil  

Carmela Silva Rego recibiu hoxe no Pazo Provincial ao novo coronel da Comandancia pontevedresa, Simón Venzal Contreras


A presidenta da Deputación de Pontevedra co coronel Simón Venzal Contreras novo responsable da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra  
Foto: D. PO
 
Infogauda / Pontevedra

  A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, manifestou hoxe o seu compromiso para "redobrar a colaboración" que a institución provincial xa ven mantendo coa Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, tras recibir no Pazo Provincial ao seu novo responsable, o coronel Simón Venzal Contreras.  

 Neste primeiro encontro, Silva subliñou o papel que desenvolve a Benemérita en todo o Estado e máis concretamente na provincia, "un papel que permite vertebrar o territorio e a defensa dos valores e os dereitos fundamentais das persoas". Neste senso, destacou a labor da Garda Civil no mantemento do patrimonio e vixilancia do medio ambiente, así como a súa loita contra as violencias machistas, no marco do extenso campo de actuación que ten o instituto armado. "Sempre temos colaborado man con man –indicou a presidenta- pero hai máis espazos onde podemos colaborar".      

 Pola súa banda, Simón Venzal afondou tamén nesta "sintonía" entre ambas institucións e na aposta conxunta "para manter unha colaboración estreita para facer, para mellorar e para chegar a todos os recunchos da provincia". O coronel, que tomou posesión do seu cargo en xullo, cualificou de "excelente" o equipo de gardas e mandos da Comandancia de Pontevedra e subliñou que cos medios persoais con que conta a Benemérita, "creo que se está a prestar un bo servizo na provincia". "Ogallá –manifestou- que se puidera ter unha presenza maior, pero temos que ser conscientes das limitacións de presuposto das administracións". Engadiu que en tempada estival unha das principais preocupacións do instituto armado son os incendios, aínda que "ese traballo de rigor debemos estendelo a case todo o ano, non só ao verán". "Iso é unha dificultade engadida, con esforzos engadidos, pero o que se está a facer vai nesa liña", remachou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario