29 de ago. de 2019

PONTEVEDRA

A XUNTA DE GALICIA CEDE EQUIPAMENTO DE EMERXENCIAS ÁS AGRUPACIÓNS DE VOLUNTARIOS DE PROTECCIÓN CIVIL DE 11 CONCELLOS   

· O DOG publicou a resolución das axudas para dotar aos municipios de menos de 50.000 habitantes de material de emerxencias  

· Segundo destacou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, beneficiaranse as entidades de Vilagarcía de Arousa, Cerdedo-Cotobade, Poio, Marín, Redondela e O Rosal, así como a agrupación dos 5 concellos do Oitavén-Tea  

José Manuel Cores Tourís, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra


Infogauda / Pontevedra

 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou hoxe que o  Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a resolución da convocatoria de subvencións para a adquisición de equipamentos de emerxencias a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos que conten con Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, beneficiándose un total de 11 concellos da provincia de Pontevedra.   

 En concreto, beneficiaranse as agrupacións de Vilagarcía de Arousa, Cerdedo-Cotobade, Poio, Redondela e Marín, que reciben unha tenda de campaña, xunto ao Rosal, que será dotado cun todo-terreo pick-up. Tamén beneficiaranse os 5 concellos que conforman a agrupación do Oitavén-Tea (A Lama, Covelo, Mondariz, Fornelos de Montes e Mondariz-Balneario) con outra tenda de campaña.     

 O equipamento para ceder ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil beneficiadas distribúese en tres liñas de axuda: unha de 16 vehículos todo terreo tipo pick-up, outra de 21 remolques para a atención ás emerxencias e unha terceira para adquirir 29 tendas de campaña de emerxencias. A adquisición do equipamento é en réxime de concorrencia competitiva e está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. O seu importe supera o millón de euros. Esta orde de axudas permitirá mellorar os medios dos que dispoñen as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil en 66 concellos galegos.   

 As entidades beneficiarias ás que se lles concedeu o equipamento solicitado terán de prazo dez días hábiles desde a recepción a comunicación da resolución favorable para aceptar ou renunciar á subvención. Se algún dos beneficiarios renuncia redistribuirase o equipamento non adxudicado en base á lista de reserva integrada por todos os solicitantes admitidos segundo a puntuación de cada entidade.   

 O prazo estimado para a sinatura da acta de cesión dos vehículos todo terreo tipo pick-up e dos remolques para a atención de emerxencias será de tres meses. No caso das tendas de campaña, a cesión quedará condicionada á finalización do novo expediente de contratación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario