29 de ago. de 2019

O ROSAL

ANA PONTÓN CUALIFICA DE “DANTESCO” QUE PP E PSOE, “POR ESTRATEXIA PARTIDARIA”,  POÑAN EN RISCO RECURSOS PARA SERVIZOS BÁSICOS     

Reta a Feixóo a presentar o recurso xudicial para que o estado pague a débeda que sitúa en 3.000 M€,  200 M€ en dependencia  2.000 en obras non executadas para mellorar o ferrocarril e o financiamento da débeda  do Porto exterior da Coruña

NA SÚA VISITA AO CONCELLO DO ROSAL, PONTÓN DESTACA A "MARCA BNG" COMO PROXECTO TRANSFORMADOR PARA MELLORAR A CALIDADE DE VIDA  DOS VECIÑOS E VECIÑAS     


A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón - no centro da imaxe - coa alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, a parlamentaria Monserrat Prado e os membros do grupo municipal de goberno do Concello do Rosal ao completo



Infogauda / O Rosal

 A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón cualificou de “dantesco” que o PP e PSOE por “pura estratexia partidista”, poñan en risco recursos  que financian  servizos fundamentais para a cidadanía.     

 Para Pontón esta “estratexia falida” responde á intención do Partido Socialista para forzar o apoio da dereita  á investidura. Agora, dixo, non deixa de sorprendernos que un partido que fixo campaña contra o “trifachito”, busque unha pata de apoio desa dereita.     

PONTÓN RETA A FEIXÓO A EMPRENDER A VÍA XUDICIAL     

 A portavoz do BNG afirmou que a Xunta carece dunha estratexia propia e  Feixóo  “un día di unha cousa e outro di a contraria, amaga con levar ao estado aos tribunais pero á hora da verdade, prégase a estratexia marcada pola dirección do PP dende Genova.” A nacionalista retou a Feixóo a presentar o “recurso xudicial contra o estado para que Galiza cobre a débeda” e pediu a Feixóo que defenda o pago  de 200 M€ para dependencia, 2.000 M€ en obras non executadas para melloras do ferrocarril e o financiamento do porto exterior da Coruña, en total, dixo, o estado debe a Galiza 3.000 M€.  Ademais, recalcou que Galiza  precisa “dun presidente que actúe pensando primeiro nos intereses de todos os galegos e galegas e menos nas directrices que lle marca o PP dende Madrid”.     

 Por outra parte, asegurou que o PP debe comezar a recoñecer o gran erro do actual modelo de financiamento, no que a chave dos cartos do noso país  está en Madrid. “Desde o BNG defendemos outro modelo no que  os galegos e galegas teñamos a chave dos nosos cartos”.     

 Pontón realizou estas declaracións na súa visita ao concello de O Rosal onde mantivo un encontro coa alcaldesa, Ánxela Fernández. Tras felicitar a rexedora do Rosal que goberna en maioría, a portavoz do BNG mostrouse convencida de que a nova alcaldesa nacionalista responderá con “traballo e rigor” ás necesidades dos veciños e veciñas cun programa transformador como o que se está aplicando nos concellos gobernados polo BNG, entre os que nomeou como referente o concello de Tomiño.
   
Ana Pontón, portavoz do BNG coa alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández e a parlamentaria Montserrat Prado, reuníuse con representantes das Comunidades de Montes Veciñais en Mán Común das parroquias do Rosal e con membros das Comunidades de Augas

 En corenta anos, explicou Pontón, a veciñanza fixo unha aposta polo nacionalismo para colocar  “O Rosal no mapa”. Pontón destacou a “marca do BNG” que cando chega ás institucións implanta medidas para dinamizar a economía, defender a cultura e o patrimonio, e sobre todo, “mellorar a  calidade de vida dos veciños e veciñas”.      

PROXECTO TRANSFORMADOR  DO BNG NO ROSAL     

 Pola súa parte, a  alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández atribuíu a vitoria do BNG a un “traballo e ilusión colectiva”. Temos un equipo preparado e xa tomamos as primeiras medidas que propuxemos durante a campaña. Neste sentido, apuntou que o traballo municipal estará centrado na transparencia da comunicación, unha axenda cultural que chegue aos barrios e sobre todo destinada á xente maior. Asemade, engadiu que establecerán  consellos municipais para potenciar o traballo asociativo e veciñal,  medidas para recuperar os espazos para as persoas, fomentar o comercio e a praza de abastos así como revisar os actuais orzamentos. Finalmente lembrou que  grazas á  comunicación e colaboración coa vila portuguesa de Caminha  iniciaranse  experiencias nos ámbitos da cultura e do patrimonio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario