8 de ago. de 2019

GOIÁN (TOMIÑO)

Abre a Aula Museo Antonio Fernández de Goián 

Entre as 11 e as 14 horas poderá coñecerse algunhas obras, obxectos personais e documentos relacionados coa figura do pintor  



Infogauda / Goián

 A Aula Museo Antonio Fernández, situada en Goián, a carón da praza do mesmo nome, segue aberta ao público durante o mes de agosto. Concretamente, abrirá mañá venres 9 de agosto e o vindeiro día 23, entre as 11:00 e as 14:00 horas.  

 O espazo, no que se propón un percorrido pola vida e obra do pintor Antonio Fernández, a través de obxectos, documentos e fotografías do artista, conta con entrada de balde e para todos os públicos.  

 A Aula-Museo Antonio Fernández, creada polo Concello de Tomiño coa colaboración da Comisión Antonio Fernández, e inaugurada en 2014 en Goián, pobo natal do pintor, reúne numerosos obxectos e documentos persoais do pintor xa desaparecido, así coma algunha das súas obras, e se sitúa no edificio das vellas escolas de Goián, construídas nos terreos doados polo artista para ese fin.  

 A instalación, deseñada polo arquitecto Xavier Pousa Arbones (fillo do artista Xavier Pousa Carrera, que fora discípulo de Antonio Fernández), sitúase na planta baixa do edificio, na ala dereita do mesmo, e consta dunha sala principal, na que se poden atopar documentos, bosquexos, debuxos e obxectos do pintor.  

 Nunha sala contigua, o museo recrea o estudo do pintor goianés, co seu cabalete, paletas e maletín. Completan a instalación un busto en pedra de Antonio Fernández, obra de Xoán Piñeiro Nogueira, que preside a entrada, e un equipo multimedia, con pantalla táctil, onde pode consultarse en detalle cada unha das obras e documentos expostos, así coma outros datos biográficos do pintor.  

 A Aula-Museo conta con rampla de acceso para persoas con discapacidade e cunha licenciada en Historia da Arte, que brinda información ao visitante.

Ningún comentario:

Publicar un comentario