16 de ago. de 2019

ESTÁS (TOMIÑO)

RECANTO DA ARTE


XXI EXPOSICIÓN SEMANA CULTURAL DE ESTÁS

XUXO MALONE, CERAMISTA E ESCULTOR

Do 18 ao 25 de agosto de 2019, no Centro Cultural e Social de Estás



Ricardo Rodríguez Vicente / Estás

  O ceramista e escultor Jesús Lomba Martínez - XuXo Malone no ámbito artístico - (A Guarda, 1967), inaugurará o vindeiro domingo día 18 deste mes, ás 12:00 horas, no Centro Cultural e Social de Estás, unha mostra do seu labor creativo, que podera visitarse ata o día 25 de agosto.

 A exposición está organizada polo Centro Cultural e Social de Estás, coa colaboración da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común da parroquia de Estás, A Social e o Concello de Tomiño.

  Como este cronista dixo oportunamente, XuXo Malone, herdou de seu avó paterno - o gratamente relembrado emprendedor Don Abelardo Lomba Camiña (que estudara na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo e que foi director técnico da empresa El Progreso, fábrica de cerámica artística de barro poroso estilo alemán (posteriormente pasaría a denominarse Cerámica José Antonio Lomba Camiña, S.A.), da que seu irmán, José Antonio Lomba Camiña foi director comercial)-, e de seu pai, Jesús Lomba Alonso; o agarimo pola cerámica artística. Con eses antecedentes xenealóxicos, podemos afirmar que  Xuxo Malone é desde fai anos, un magnífico expoñente do emprendemento e da tradición familiar que proveñen de comezos do século XX.

 Na producción de XuXo Malone, de proceso totalmente artesanal, compre salientar o protagonismo da figura humana - con corpos de mulleres e homes espidos, en insinuantes posturas - coa que o autor logra formas inverosímiis, que son realidade grazas aos anos de investigación de materiais e de formas, ao oficio e o talento deste artista miñoto, que logo dunha estadía no Rosal - de onde é natural e veciña súa nai Lucía -, reside fronte ao río Miño, no termo municipal de Tomiño.

XuXo Malone


 XuXo Malone defínese como unha persoa de imaxinación inqueda e non dubida en afirmar que apunta ideas que lle xorden ao longo do día e que as garda para mellorarlas máis tarde. Algunhas son como un reto para el e outras simplemente - di - as fai.

 Gústalle experimentar con todas as técnicas que pode. Sempre contra reloxo. E no summum da sinceridade máis absoluta afirma tamén que artísticamente ten moito que aprender. 

 En todo caso, XuXo fai escultura en cerámica, ainda que como afirma, tamén lle gusta o debuxo (lápis, carbón, pluma, ...) e a pintura ao óleo. 

 En cerámica - segundo súas verbas -, un pouco de todo: deseño, modelaxe, moldes, algo de torno, esmaltes,...

 Confésase teimoso, maniático, algo obsceno, malicioso e máis...

 Ainda que non compartamos algúns dos calificativos que XuXo confesa, ben é certo que hai que ser persistente para executar con éxito todas as ideas que xurden do seu maxín e que nun principio son tan soio iso: ideas. 

 Máis o mérito dun artista non reside en ter ideas, senón en desenvolvelas, traballalas e levalas a bo termo. É aí, e dese xeito, logo do proceso creativo onde o artista vai asumir a crítica ou o eloxio. O fel ou o mel. O fracaso ou o éxito.

 Xuxo Malone non soio é fértil en ideas, senón tamén en creatividade e en compromiso coa Arte.

 Proba do que decimos témola na súa traxectoria, ascendente e perseverante no tempo, valores que poderemos constatar unha vez máis nesta exposición a cal estamos todos convidados a na que Xuxo Malone presenta unhas dezaseis pezas nas que están presentes, entre outros, catro elementos da natureza: Fogo, Terra, Auga e Aire.

  Con esta mostra individual XuXo Malone, como un alquimista do Renacemento, deixa patente seu amplo coñecemento matérico e técnico, tanto das materias primas que emprega - sobre todo arxila para gres e pastas refractarias ou semi-refractarias -, como dos esmaltes, óxidos, vernices ao sal,..., temperaturas de cocción, etc..

 Ainda que el non vaia pola vida presumindo de nada, pois súa educación e seu carácter afable e tranquilo fan que sexa unha persoa sinxela e nada pretenciosa, XuXo Malone é un destacado creador que exprésase a través da cerámica artística e da escultura. 

 Súa exposición no Centro Cultural e Social de Estás vai ser, con total certeza, boa proba do que decimos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario