5 de xul. de 2019

PESCA

Un proxecto de Nacións Unidas elixe a  Orpagu como exemplo de boas prácticas pesqueiras  

• Un grupo de pescadores e xestores de pesqueiras de Ecuador, Costa Rica e Filipinas, que participan no programa  interregional Global Marine Commodities, estivo a pasada semana en Galicia e visitou a Lonxa de Vigo e a sede da Organización de Palangreiros Guardeses. 

• A  FAO tamén elixiu a  Orpagu para participar en Roma na elaboración dunha guía sobre responsabilidade social na pesca.

Representantes da organización Cadeas Mundiais Sustentables de Produtos do Mar (Global Marine Commodities) coñeceron de preto a actividade que leva a cabo a Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu). A imaxe corresponde a visita que fixeron a Pasaxe (Camposancos)

Mar Bermúdez / Vigo

 Representantes da organización Cadeas Mundiais Sustentables de Produtos do Mar (Global Marine Commodities), un proxecto  interrexional impulsado por Nacións Unidas para o Desenvolvemento e implementado polos Ministerios e Oficinas de Pesca e Produción de Costa Rica, Ecuador, Filipinas e Indonesia, realizaron a pasada semana unha visita a Galicia para coñecer a Lonxa de Vigo e a actividade que leva a cabo a Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu). 



Na sede de OR.PA.GU., na Guarda, os pescadores mantiveron un interesante encontro cos armadores locais

 Como opera a frota guardesa de palangre de superficie e a importancia que se dá ao FIP Blues, un proxecto de mellora pesqueira no que colaboran as asociacións de produtores galegos que representan a  prácticamente a totalidade da frota nacional, foron os dous motivos que impulsaron aos organizadores da viaxe para elixir como exemplo de xestión a  Orpagu. Na súa sede na Guarda, os pescadores mantiveron un interesante encontro cos armadores locais, aos que interrogaron sobre cuestións prácticas  relacionadas coa xestión da pesqueira, a constitución do FIP Blues e os proxectos que levan a cabo os guardeses en temas de innovación. 

 O proxecto Cadeas Mundiais Sustentables de Produtos do Mar naceu coa finalidade de contribuír á transformación do mercado de produtos do mar, ao incorporar a sustentabilidade na cadea de valor destes nos países participantes. Para lograr este obxectivo, o programa traballa en diferentes ámbitos: fortalecemento e uso de ferramentas emerxentes; políticas sustentables de compra en mercados internacionais; creación de plataformas de diálogo multisectoriais de produtos sustentables do mar; e desenvolvemento e soporte técnico para proxectos de mellora de pesqueira (FIP' s). 

Unha organización exemplar para Nacións Unidas e  FAO  

 Días antes da visita deste grupo de pescadores á súa sede da Guarda, o presidente de  Orpagu, Joaquín  Cadilla Castro, participaba en Roma nun grupo de traballo organizado por FAO. De feito, Cadilla foi o único representante dunha organización galega convidado a tomar parte na elaboración dunha guía sobre responsabilidade social na pesca e a acuicultura, que verá a luz en 2020.

Ningún comentario:

Publicar un comentario