10 de xul. de 2019

TOMIÑO

O “Barrantes Folk” 

Chega este sábado á Praza do Seixo con tres actuacións de música tradicional 

Participan Banda de Gaitas San Vicente de Barrantes, grupo Lirolai, do Rosal, e Coral San Telmo, de Tui

Infogauda / Tomiño

 Dentro do ciclo “O son da Praza”, este sábado, 13 de xullo, chega á Praza do Seixo unha nova edición do “Barrantes Folk”, un festival organizado pola Banda de Gaitas San Vicente de Barrantes e patrocinado pola asociación veciñal do mesmo nome e o Concello de Tomiño.  

 O festival, para todos os públicos e de balde, comezará ás 22.30 horas e contará coa actuación da propia banda de Barrantes, o grupo “Lirolai” de O Rosal, e a Coral San Telmo, de Tui, coma agrupación convidada.  

 A nova axenda de verán do Concello reúne máis de 60 propostas culturais e deportivas organizadas desde diferentes áreas, que da coma resultado un programa de actividades transversal e integrador, no que teñen cabida a todas as citas relacionadas coa cultura, o deporte, a mocidade, o voluntariado, o patrimonio, etcétera.  

 A programación aglutina todas as actividades organizadas no municipio para o vindeiro trimestre; actividades que forman parte da recén editada axenda en papel, a mesma que recolle máis de 60 espectáculos ou outros eventos que se levarán a cabo nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro de 2019.  

 Dentro da mesma, destacan os ciclos de música “O Son da Praza”, e “Cine na rúa”, ambos os dous no Seixo, que traen espectáculo e colorido á Praza do Seixo, ao longo de todo o verán, con concertos de música, baile tradicional galego, cine familiar e infantil, etc.  

 O Son da Praza continuará con dous espectáculos máis no mes de xullo: o II Festival “Vaideson”, organizado pola Asociación Cultural Escola de Gaitas e Danza Virxe do Alivio (20/7), e o XXVI Encontro dos Pobos, organizado polo Grupo de Baile e Gaitas “Do Lusco ó Fusco”, de A Guarda.  

 En agosto o ciclo traerá a música de “Gara Quartet” (2/8), “Best Boy” (3/8), The Tetas’ Van (9/8), “Os Meninos” (10/8), Festival Infantil Virxe do Alivio (17/8), “Áureas” (23/8), e “Antifrágil” (24/08).

Ningún comentario:

Publicar un comentario