15 de xul. de 2019

TOMIÑO

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA INICIA A OBRA DA NOVA GLORIETA DE CRISTELOS EN TOMIÑO   

A actuación, que durará cinco meses, incluirá redutores de velocidade para crear unha zona 30, un itinerario peonil seguro e unha nova parada de autobús 


Deseño da rotonda na intersección de Cristelos, no punto quilométrico 3+780 da estrada provincial EP-3101 dentro do Concello de Tomiño  
Fonte: D.PO.

Infogauda / Tomiño

 O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra iniciará esta semana as obras de construción dunha glorieta para resolver a situación de inseguranza viaria que existe na intersección de Cristelos, no punto quilométrico 3+780 da estrada provincial EP-3101 dentro do Concello de Tomiño. Ademais da construción da rotonda para regular o tráfico, instalaranse tamén elementos redutores de velocidade, delimitarase unha zona de circulación peonil e unha nova parada de autobús, e construiranse novos servizos de alumeado e drenaxe.  

 Segundo indica o departamento de Mobilidade, está previsto realizar a obra sen afección ao tráfico salvo durante os asfaltados, cunha previsión de execución de cinco meses, polo que a nova glorieta estará finalizada e operativa antes de finais deste ano.   

 A mellora da seguranza viaria na zona vén obrigada debido a que non existe un itinerario peonil seguro, posto que non hai cunetas e a beiravía está invadida de maleza, e a que a parada do autobús escolar existente non está convenientemente sinalizada, convivindo de xeito perigoso os tránsitos de persoas, coches e autobuses.  

 O proxecto inclúe unha ampliación da calzada para a instalación da rotonda, onde será preciso un pequeno desmonte. A nova intersección terá unha ronda cun diámetro exterior de 28 metros e dous carrís de catro metros cada un. Disporá de áreas con espazos de sección media útil de 2,5 metros para os peóns na zona da parada de bus, e crearase unha nova rede de alumeado público con 10 unidades de iluminación led, catro delas nunha columna no anel interior da nova glorieta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario