Un cancioneiro popular recolle pezas musicais tradicionais de Manzaneda e Terras de Trives
· A obra, de Xosé Lois Foxo, foi presentada hoxe no Consello da Cultura Galega, e supón unha compilación e estudo antropolóxico dos cánticos agrarios e festivos desta comarca ourensá.
O acto de presentación contou coa participación do autor, Xosé Lois Foxo, de Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; de Amable Fernández, alcalde de Manzaneda; de Patricia Domínguez, alcaldesa de Trives, e de Patricia Torres, deputada de Cultura da Deputación de Ourense
Foto: D. OU.
Infogauda / Santiago de Compostela
O Consello da Cultura Galega acolleu hoxe en Santiago a presentación dun cancioneiro popular que recolle trescentas pezas musicais de Manzaneda e das Terras de Trives. A compilación é un traballo de Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, realizado ao longo de corenta anos de investigación, e supón unha extensa compilación e estudo antropolóxico dos cánticos agrarios e festivos desta comarca ourensá.
O acto de presentación contou coa participación do autor, Xosé Lois Foxo, de Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; de Amable Fernández, alcalde de Manzaneda; de Patricia Domínguez, alcaldesa de Trives, e de Patricia Torres, deputada de Cultura da Deputación de Ourense, quen cualificou como "unha honra para a Deputación participar nesta obra, que recolle a tradición dunha parte da provincia de Ourense, que xa non se perde e que os nosos herdeiros terán a oportunidade de coñecer", e agradeceu "ás persoas que participaron nestas catro décadas de recolleita e traballo de investigación, polo que supón de lembranza aos que xa non están e que tanto fixeron pola nosa cultura tradicional".
O acto contou coa intervención de varios veciños de Manzaneda e da Pobra de Trives que foron informantes do cancioneiro: desde o cantor de seitura máis maior, Aquilino Pérez Prieto, de Bidueira, ao cantor da seitura, e outras cantoras como Digna Pérez e María Jesús Rodríguez. María Rodríguez, neta da cantora máis emblemática da seitura, Luz Divina Pérez Ricoi, recreou con violín o cántico da seitura.
Os cantos de seitura e os cantos de folións son as músicas máis emblemáticas das terras de Manzaneda e Trives, e teñen unha longa tradición histórica na comarca. O cancioneiro compila trescentas destas pezas musicais, transcritas e editadas, acompañadas dos seus orixinais en audio distribuídos nun lapis dixital que acompaña a publicación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario