A Confederación Intersindical Galega (CIG) da comarca de Vigo tivo coñecemento dunha parte dos obxectivos que se marcou a Empresa POVISA a principios do ano 2019 e creemos que é a nosa obriga facelos públicos na medida en que estes obxectivos afectan, ou poden afectar, á cidadanía que ten asignada a súa asistencia sanitaria pública nese hospital.
Recentemente tivemos noticia a través dos medios de comunicación de que a Empresa POVISA declaraba estar en perdas e relacionaba estas co concerto capitativo que ten asinado co SERGAS.
Tamén declaraba que a súa actividade privada estaba medrando pero aínda así non conseguía compensar as perdas do concerto co SERGAS.
De estes obxectivos podemos deducir que estaban facendo consultas, probas ou intervencións que non aportaban valor engadido ás persoas que se sometían a elas, co conseguinte incremento do risco de efectos secundarios que isto supón. De ser así, este obxectivo marcado pola Dirección de POVISA poría en cuestión os criterios científicos do seu persoal facultativo responsable desas indicacións.
Pero cabe outra interpretación, que o que estean intentando é mudar os criterios científicos nos que se basean as indicacións de consultas, probas ou intervencións, para así reducir o número delas e favorecer a consecución do segundo obxectivo: incrementar a actividade privada e obter máis beneficios, iso si, a costa dos cartos que todas e todos pagamos cos nosos impostos para financiar á sanidade pública; e tamén podería ser que a costa da saúde das persoas que teñen a POVISA de hospital de referencia.
Converter os nosos dereitos nun negocio para uns poucos, mercantilizar a enfermidade e facer negocio con ela pode ter consecuencias de difícil reparación. Por isto desde a CIG defendemos á Sanidade Pública, financiada con cartos públicos e prestada por traballadoras e traballadores públicos que teñen como único interese o beneficio das persoas que atenden, non o de ningún accionista ou inversor.
Diante destes feitos, que poñemos en coñecemento da opinión pública, queremos reclamar unha investigación inmediata e transparente por parte das autoridades sanitarias responsables de garantir o dereito a unha asistencia sanitaria de calidade en condicións de igualdade e equidade para o conxunto da cidadanía galega, tamén para a que ten a POVISA de hospital de referencia.
Vigo, 8 de xullo de 2019
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario