12 de xul. de 2019

PONTEVEDRA

AREEIRO INSTA A REALIZAR UN SEGUIMENTO INTENSIVO DAS VIÑAS E SÓ  RENOVAR TRATAMENTOS DE XEITO PUNTUAL   

O persoal da EFA sinala que nos vindeiros días si será preciso facer aplicacións contra os ácaros das maceiras e contra as eirugas do buxo 

Oidio puntual en acio
Foto: EFA

Infogauda / Pontevedra

 A Estación Fitopatolóxica de Areeiro vén de publicar o seu último aviso fitosanitario, no que indica que é preciso facer un seguimento intensivo das viñas e só renovar tratamentos puntuais se é estritamente necesario no caso de atopar síntomas de Oídio e de couzas do acio. No entanto, o persoal da EFA sinala que nos vindeiros días si será necesario facer aplicacións contra os ácaros das maceiras e tamén contra as eirugas do buxo.   

 Como xa se vén alertando desde hai unhas semanas, a uva é moi sensible ao Oidio no estado fenolóxico actual, e tamén as condicións climáticas das últimas semanas foron favorables ao desenvolvemento do fungo. Aínda que a situación xeral das plantas tratadas é bastante estable, con ausencia de síntomas ou só síntomas puntuais nalgunhas viñas sensibles hai  viñas nas que non hai un bo control e os acios están fortemente afectados, e algúns xa empezan a rachar a consecuencia do ataque. Nestas viñas haberá que renovar o tratamento con funxicidas de acción preventiva e curativa se é preciso e, nas situacións onde haxa abundancia de gromos ‘netos’ que estean cheos de acios rebuscos, é aconsellable eliminalos, pois son moi sensibles e polo tanto unha fonte permanente de infección.  

 En canto ás couzas do acio esta semana xa se viron postas moi puntuais nalgunha parcela de todas as comarcas, aíndae é posible que sexan inviables posto que a calor destes días non lles vai ben. Por outra banda, na viña do Salnés onde a semana anterior se observaran as primeiras postas, nesta semana víronse as primeiras dúas penetracións larvarias, polo que sería o momento idóneo para aplicar un tratamento no caso de haber ovos e penetracións en niveis por riba do limiar de tratamento. Na mesma parcela houbo un incremento moi notorio das poboacións de trips, aparecendo xa síntomas nos acios, co que se recomenda un tratamento se se ven perforacións nun número superior ao limiar de tolerancia.  

 No relativo á botrite, salvo onde haxa grans con rachos fisiolóxicos por rozas ou por oídio ou onde apareceran algunhas penetracións larvarias (ver couzas), a uva está sa, fundamental para limitar posibles infeccións por este patóxeno. Tamén hai que falar de situación estable nas viñas tratadas contra o black rot, así como no referente ao mildio. De feito, na revisión desta semana ás parcelas de seguimento propias e ás outras viñas tampoucose atoparon síntomas recentes, e coas previsións meteorolóxicas tampouco se esperan novas infeccións (ou cando menos non deberan ser graves) porque os esporanxios do fungo terán perdido vitalidade e capacidade xerminativa. En todo caso, aínda hai que manter a vixilancia porque a uva segue a ser sensible ao fungo.  

Maceira 

 O risco de infección por moteado nas maceiras despois destes días de tanta calor e menor humidade é baixo, aínda que haberá que estar pendente das precipitacións que se produzan hoxe á noite ou mañá por se mantiveran a vexetación mollada durante tempo.   

 En diferentes plantas empezan a aparecer máis síntomas de ácaros, pois se ven favorecidos pola climatoloxía cálida. É preciso tratar se se detectan os síntomas típicos (cor bronce-chumbo das follas) e, con certa agudeza visual, ven pequenos puntiños móbiles que son os ácaros (mellor sería confirmalo cunha lupa).  

Buxo 

 Nesta semana observáronse situacións diferentes segundo as sebes pero en todas as controladas hai xa postas e eirugas, estando a diferenza no tamaño das eirugas e na presenza de síntomas. Canto aos síntomas, nalgunhas sebes e plantas apenas se observan (son tremendamente complexos de ver) mentres noutras xa son ben notorios e se incrementan día tras día. É polo tanto imprescindible facer unha boa revisión das sebes porque nos próximos días vai ser necesario aplicar un tratamento antes de que comecen as defoliacións masivas que sabemos que poden producir estas eirugas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario