24 de xul. de 2019

PESCA

As VI Xornadas Internacionais de Pesca de  Orpagu poñen o foco sobre as tripulacións  

• A secretaria xeral de Pesca xunto co alcalde da Guarda e o presidente da Organización de Palangreiros Guardeses, serán os encargados de inaugurar a sesión de traballo que este ano se centra no aspecto social da actividade pesqueira.  

• A falta de tripulantes e os problemas de habitabilidade nos barcos protagonizarán, entre outros temas, as xornadas que terán lugar o venres, 26 de xullo,  a partir das 09:00 horas, na Casa dos Alonso, na Guarda.  



Mar Bermúdez / A Guarda

 As titulacións náutico-pesqueiras, as medidas para adoptar ante a falta de tripulacións e as carencias da frota para mellorar a vida a bordo dos buques son os tres grandes temas que centran este ano as Xornadas Internacionais de Pesca impulsadas por Orpagu. O obxectivo, debater sobre cuestións de actualidade con expertos en diferentes campos relacionados, nesta ocasión, coa parte máis social da actividade pesqueira. 

 Previamente a estas mesas de traballo terá lugar o acto inaugural que nesta sexta edición contará coa presenza da  secretaria xeral de Pesca, Alicia  Villauriz Iglesias, así como do alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, e o presidente da Organización de Palangreiros Guardeses, Joaquín Cadilla Castro.  

 Ao longo da mañá, os relatores abordarán as posibles solucións a cuestións como un novo enfoque nas axudas europeas para favorecer mellores condicións de traballo a bordo, os posibles cambios na normativa náutico-pesqueira que favorezan novas vocacións ou que medidas deberíanse adoptar de forma inmediata para paliar a escaseza de mariñeiros que nalgúns segmentos de frota empeza a ser alarmante. 

 As VI Xornadas Internacionais de Pesca, abertas aos medios de comunicación, darán comezo ás 09:00 horas e terán como escenario a Casa dos Alonso, na Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario