10 de xul. de 2019

O BAIXO MIÑO / O CONDADO

A XUNTA DE GALICIA DESTINOU 42.500 EUROS A 4 EMPRENDEDORAS DE PONTEAREAS E TUI DENTRO DO PROGRAMA EMEGA   

· O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou que a administración autonómica acaba de volver a abrir unha nova convocatoria que duplica o orzamento do pasado ano, pasando de 1,7 millóns a 850.000 euros 

· O ano pasado obtiveron apoio para os seus novos negocios dúas veciñas da capital do Condado e outras dúas da vila do Miño 

· Na nova convocatoria das liñas de apoio ao emprendemento, o Emega inclúe unha liña complementaria para apoiar a conciliación da vida laboral, persoal e familiar  



 José Manuel Cores Tourís, delegado territorial da Xunta en Pontevedra

Infogauda / Baixo Miño / O Condado

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá que a Consellería de Presidencia, a través do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino, destinou o ano pasado 42.500 euros para a posta en marcha de novos proxectos de catro veciñas de Tui e Ponteareas.  

 Trátase de dúas emprendedoras de Tui, que destinaron os fondos a creación dunha axencia de deseño e un estudo de arquitectura, e outras dúas de Ponteareas, que puxeron en marcha unha cafetería e un servizo de deseño web.   

 Neste senso, Cores Tourís recordou que acaba de abrirse a nova convocatoria do programa Emega e que este ano duplica o orzamento do ano anterior grazas a un investimento de 1,7 millóns de euros, fronte aos algo máis de 850.000 que se destinaron a este fin en 2018.  

 O obxectivo desta iniciativa é apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto co impulso a outras medidas para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral. A finalidade última é que aquelas mulleres que teñan unha idea poidan materializala e contribúan, ao mesmo tempo, a xerar riqueza e novos postos de traballo.   

 O programa Emega inclúe catro liñas específicas: a ‘Emprende’, para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e crear emprego feminino estable por conta propia ou allea; ‘Innova’, para promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade de empresas constituídas por mulleres; ‘Activa’, para favorecer a reactivación e consolidación de empresas a través de medidas de renovación ampliación ou cambio de localización dirixidas a paliar unha situación económica adversa; e ‘ITEF’, para incentivar iniciativas empresariais con contido científico ou base tecnolóxica promovidas por mulleres.  

 A maiores, establece unha liña de axudas complementarias, a ‘Concilia’, para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.  

 O prazo de presentación de solicitudes rematará o 5 de agosto.    

 Contía das axudas

 A contía das axudas dependerá da liña solicitada e do número de postos de traballo xerados para mulleres, tanto por conta propia como por conta allea. Así na ‘Emprende’ irán de 8.000 a 20.000 euros; na ‘Innova’, de 12.000 a 20.000; na ‘Activa’, de 6.000 a 15.000; e na ‘ITEF’, de 16.000 a 40.000.   

 No caso das axudas complementarias á conciliación, os incentivos irán dos 3.000 euros para as promotoras que teñan fillos/as menores de tres anos; ata os 5.000 euros, cando as actividades de conciliación estean dirixidas ás traballadoras por conta allea.

Ningún comentario:

Publicar un comentario