A guía de estudos de paisaxe urbana aposta por crear espazos abertos ao mar e recuperar as fachadas litorais, símbolo e identidade dos concellos costeiros galegos
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentou esta mañá a sétima das guías deste tipo elaboradas polo Goberno galego, co fin de conservar e protexer o verde e azul identificativo de Galicia
Este documento, elaborado por e para profesionais multidisciplinares, recomenda intervir nos denominados esqueletos, rematando as construcións iniciadas, demoléndoas ou ocultándoas para eliminar o impacto que xeran
Tamén se aposta por definir zonas de transición entre ós accesos urbanos ou os polígonos industriais e as áreas residenciais, con espazos verdes ou carteis e vallas publicitarias de menores dimensións
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, hoxe en Vigo
Foto: X.G.
Infogauda / Vigo
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentou esta mañá a Guía de estudos de paisaxe urbana que aposta por crear espazos abertos ao mar e recuperar as fachadas litorais, símbolo e identidade dos concellos costeiros galegos. Trátase dun novo documento impulsado polo Goberno galego, a través do Instituto de Estudos do Territorio, para conservar e protexer o verde e azul identificativo e característico das paisaxes dos concellos de Galicia, é dicir, promove recuperar os elementos que reforzan a identidade do lugar, así como conservar ou rehabilitar o patrimonio industrial portuario dos municipios de costa, como é o caso de Vigo.
A conselleira de Medio Ambiente destacou que Galicia se dota dunha nova ferramenta na súa aposta por un urbanismo sustentable, ordenado e respectuoso coa paisaxe galega e que estará dispoñible -a través da web da Consellería- e que se converterá nunha referencia para os equipos redactores e profesionais que interveñen na planificación do territorio e das cidades.
A modo de exemplo, a conselleira explicou que este documento propón intervir nos esqueletos de edificios, co fin de eliminar o impacto, rematando a construción iniciada, demoléndoa ou ocultándoa. Tamén se aborda a necesidade de establecer un tratamento paisaxístico integral nos accesos urbanos, autovías e circunvalacións, para mellorar a transición que existe entre as vías de alta capacidade e as entradas ao núcleos urbanos.
Esta solución tamén se propón para integrar os polígonos industriais nas cidades, para o que se recomendan establecer zonas de transición coas áreas residenciais con espazos verdes ou reducindo os carteis e vallas publicitarias.
Ángeles Vázquez indicou que se trata da sétima das guías que presenta o Goberno galego, e na que traballou un equipo multidisciplinar, formado por profesionais da arquitectura, socioloxía, xeografía, avogacía e medio ambiente, co fin de presentar unha completa diagnose do sistema urbano galego, así como unha segunda parte, na que se definen os métodos e instrumentos para a análise da paisaxe urbana.
Esta guía céntrase en dous compoñente esenciais, como a paisaxe urbana exterior, como imaxe de conxunto, é dicir, a que se observa desde os miradoiros ou os accesos urbanos; e a paisaxe urbana interior, como imaxe de fragmento ou aquela que ten o cidadán a pé de rúa e que implica un enfoque máis subxectivo e con percepción fragmentaria e secuencial.
A terceira parte da guía céntrase nos datos complementarios e de interese, como o percorrido polo marco legal e polo concepto de paisaxe urbana, así como información detallada sobre técnicas de participación pública, facendo fincapé na necesidade de establecer políticas que incorporen a opinión cidadá.
Explicou que esta guía non se limita a ser un documento teórico senón que tamén recolle exemplos prácticos, como un estudo dunha paisaxe urbana exterior, para o que foi elixida a cidade de Lugo vista desde diferentes puntos de observación; un exemplo de identificación dos elementos estruturantes dunha paisaxe urbana interior, que neste caso escolleuse a vila de Vilalba; ou o desenvolvemento completo nunha área de paisaxe urbana, para o que se elixiu a zona de San Antoniño, na cidade de Pontevedra.
Ángeles Vázquez salientou que a paisaxe en Galicia non é só unha sinal de identidade da Comunidade, senón que é tamén un motor da economía por constituír un atractivo turístico innegable. Nese sentido, o Goberno galego leva dez anos traballando da redacción de ferramentas a favor dunha ordenación e desenvolvemento paisaxísitico respectuoso e sostible.
Enumerou a Lei da Paisaxe de Galicia, as Directrices de Ordenación do Territorio, o Plan de Ordenación do Litoral, a nova Lei do Solo e o seu Regulamento, a Estratexia Galega da Paisaxe, o Catálogo das Paisaxes de Galicia, o Consello Asesor da Paisaxe de Galicia, os Pactos pola paisaxe, a Rede de Itinerarios de interese paisaxístico; así como sete guías e manuais -entre as que se inclúe a presentada esta mañá- no marco da Colección Paisaxe Galega... en definitiva, documentos e instrumentos que pretende axudar aos concellos, aos profesionais e a sociedade en xeral á hora de levar a cabo intervencións no territorio, co fin de que entre todos dotemos a Galicia dunha paisaxe ordenada e dun urbanismo sostible.
Ningún comentario:
Publicar un comentario