O XIV Encontro bautiza a catro novas embarcacións tradicionais da Guarda, Sada, Aguete e Portonovo
• O "Bautismo de Mar" é unha das actividades do evento que os membros de Culturmar viven con maior ilusión. Nesta ocasión, das catro embarcacións presentadas, tres delas foron salvadas de ser pasto das chamas en San Xoán.
• Dende o Concello da Guarda cifran en 4.000 os visitantes diarios ao Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, un evento bianual que este ano cumpre o seu décimo cuarta edición.
Autoridades, colaboradores, membros de Piueiro e armadores de A Guarda
Foto: Santiago Baz Lomba
Mar Bermúdez / A Guarda
Se hai unha actividade que realmente emociona a todos os membros que conforman a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) é o "Bautismo de Mar" co que se dá a benvida ás embarcacións tradicionais recuperadas ou construídas desde o Encontro anterior. Na cita da Guarda foron "bautizados" catro barcos, tres no mar e un en terra, nun acto que contou coa presenza de numeroso público.
Vista parcial dos asistentes ao "bautismo de mar"
Foto: Mar Bermúdez
Os asistentes, entre os que destacou a presenza do alcalde da Guarda, Antonio Lomba, Baz e os presidentes de Culturmar e Piueiro, Manuel García Sendón e Joaquín Cadilla Castro, respectivamente, aplaudiron a incorporación ao rexistro de embarcacións tradicionais galegas do "Piueiro", o volanteiro da Guarda; "A Surfeira", unha dorna nai de Portonovo; "A Lagarta", unha dorna de Sada, e "O Brincadeiro", un choupán de Aguete. E se o "Piueiro" foi construído á mantenta para a ocasión pola asociación cultural que leva o mesmo nome, os barcos de Portonovo e Sada foron rescatados "in extremis" antes de converterse en pasto das chamas nas fogueiras de San Xoán. Pola súa banda, o choupán de Aguete estivo 30 anos nun garaxe antes de ser cedido para a súa recuperación. Este sábado, as catro embarcacións lucían maxestosas no porto da Guarda.
A Lancha Poveita do Alto - a esquerda da imaxe -, de Póvoa de Varzim tamén participa no Encontro
Fotos: Mar Bermúdez
Vista parcial da feira de Artesanía de Galicia
Mentres, no paseo marítimo, os numerosos visitantes -4.000 diarios segundo fontes do Concello- participaban nos numerosos obradoiros mariñeiros e outras actividades programadas para nenos e maiores. As redeiras da Asociación Atalaia e os mestres da Escola de Canteiros de Poio son algúns dos artesáns que estes días realizan exhibicións en directo do seu traballo, á vez que amosan algúns dos trucos do oficio aos voluntarios.
Tamén están a ser moi concorridas as exposicións que albergan as carpas do evento como a de "O mar ten mulleres", do GALP 7 Ría de Vigo-A Guarda, e a de "Achega dás mulleres á sustentabilidade do mar", da Deputación de Pontevedra.
As actividades permanentes de navegación, tres ao longo do día, son moi demandadas polo público que, desde primeiras horas da mañá, agarda a súa quenda para embarcar nunha das embarcacións participantes. A choiva, que fixo acto de presenza ao mediodía e tamén pola tarde, non conseguiu deslucir o actos previstos para a tarde, desde a presentación do novo número da revista "Nova Ardentía", de Culturmar, ata a do libro "Os Cadilhe", de José P. Arteiro Reis.
Xa pola noite, a cantante Andrea Pousa, que presentou o disco "Respirar" e o Orfeón do Berbés foron os encargados de amenizar a penúltima xornada do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.
Este domingo, ás 15:00 horas terá lugar o acto de despedida a tripulacións e delegacións. Haberá unha cea especial para o voluntariado e como broche de ouro, un concerto a cargo de varios grupos de rock da Guarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario