14 de xul. de 2019

A GUARDA

A Guarda despide un Encontro "inesquecible" cunha homenaxe a tripulacións e voluntarios  

• Un total de 90 embarcacións, 80 inscritas e outras dez que se sumaron estes días ao evento, izaron de novo as velas para despedirse da vila que foi a súa casa estes últimos catro días. A despedida, do mesmo xeito que o recibimento do xoves, foi espectacular. 

• Ademais dos membros de  Culturmar,  Piueiro, o Instituto de Estudos  Miñoranos e o Concello da Guarda, na organización do  Encontro participaron estes días ao redor de 120 veciñas e veciños da Guarda. 

Ao mediodía, e tras a comida de confraternidade diaria, os presidentes de  Culturmar e  Piueiro presentaron o evento de despedida para tripulacións e delegacións  
Fotos: Mar Bermúdez

Mar Bermúdez / A Guarda

 A participación de todo o pobo da Guarda no evento organizado pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), as asociacións Piueiro e Instituto de  Estudos Miñoranos e o Concello da Guarda, foi un dos principais factores que determinou o éxito do  Encontro de  Embarcacións Tradicionais de Galicia, unha celebración, que este ano cumpriu o seu décimo cuarta edición e que foi cualificada de "inesquecible" por tripulantes e veciños.  

 Non foi casual, por tanto, que a homenaxe a participantes e aos máis e 120 voluntarios marcase a última das xornadas do  Encontro. Un día que aínda que amenceu con néboa, enseguida viu o sol, o que permitiu a celebración de todos os actos programados.  

Grupo veciñal de A Guarda nos arredores do porto guardés disfrutando do evento

 Desde a mañá sucedéronse as saídas en barco e nos xa populares "faluchos", pequenas embarcacións  construídas a partir de bidóns de 200 litros aceite, que foron un éxito entre os máis pequenos.    

 Xa ao mediodía, e tras a comida de confraternidade diaria, os presidentes de  Culturmar e  Piueiro presentaron o evento de despedida para tripulacións e delegacións. Un a un foron chamados ao escenario e recibiron un agasallo como testemuño da súa participación no Encontro da Guarda. Dous emocionados Manuel García Sendón e  Joaquín Cadilla Castro agradeceron  aos participantes o seu entusiasmo, a súa colaboración e emprazáronlles a participar no evento que terá lugar en 2021, cuxa localización non se coñecerá ata 2020. 

 Pola noite, os protagonistas foron os voluntarios locais que ao longo de catro días, a pesar da calor e das horas de traballo, conseguiron que o evento discorrese da mellor forma posible. Foron máis de 120 persoas, de todas as idades, que contribuíron a que o  Encontro deste ano fose especial. 

 Tras a cea, A Guarda despediu o  Encontro de  Embarcacións  Tradicionais cun mega concerto de rock a cargo de diferentes grupos locais.  Coa súa música, a vila dixo adeus a catro días para o recordo. 

Visita da deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra


Mª Victoria Alonso Méndez, deputada provincial de Cultura, co alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz e o presidente de Culturmar, Manuel García Sendón visitando as distintas casetas no paseo marítimo


 A nova responsable de Cultura da Deputación de Pontevedra, Mª Victoria Alonso Méndez, achegouse esta mañá ao recinto feiral para visitar xunto co alcalde da Guarda, a concelleira de Patrimonio e o presidente de  Culturmar  as  distintas casetas que conforman o recinto do  Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Alonso visitou a exposición "Achega das mulleres  á  sustentabilidade do Mar", a mostra de fotografía "Vento  nas velas", de  Xurxo Lobato, e a caseta de encaixe, todos eles patrocinados pola Deputación. Tamén charlou cos mozos mestres  canteiros  e con varios artesáns locais que formaron parte nestes últimos catro días do amplo programa de actividades do evento. Para rematar, fixo unha pequena travesía a bordo dunha das embarcacións do evento.

1 comentario:

  1. Enhorabuena a todos: organizadores, instituciones diversas, participantes, voluntarios y pueblo guardés. Detrás del éxito hay mucho esfuerzo y muchos desvelos pero, sobre todo, una voluntad de sumar y aportar que debería servir de ejemplo para el futuro.

    ResponderEliminar