6 de xul. de 2019

A GUARDA

CULTURA MARÍTIMA

A GUARDA MOSTRA OS SEUS TESOUROS DO PATRIMONIO MARÍTIMO

Dando a benvida ao XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

O volanteiro "Piueiro"
Fotos: Santiago Baz Lomba 
Vista parcial do barrio de pescadores

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Sumándose a sinerxia xerada pola Asociación Cultural de Embarcacions Tradicionais Piueiro, veciños e comerciantes de A Guarda levan semanas mostrando algúns dos tesouros do patrimonio marítimo que moitas familias guardesas gardaban no ámeto familiar. Dese xeito, á veciñanza está apoiando decididamente ás actividades do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que do 11 ao 14 deste mes de xullo de 2019, vaise celebrar no porto desta vila mariñeira.

Un dos escaparates con patrimonio marítimo

  Artes de pesca (arrastóns, medios mundos, mollos, nasas, palangres, rascas, trasmallos, xeitos,...), agullas e navallas de redeiras, achicadoiras, bibliografía (Gamelas y marineros; Pescadores del río Miño (Tramo gallego-portugués); e Contos do Miño, de Eliseo Alonso; Las embarcaciones tradicionales de Galicia, de Staffan Mörling; O Barco Poveiro, de Octavio Lixa Filgueiras; As artes de pesca, de F. Calo Lourido; Madeira de mar. Apuntes sobre a gamela, de Íñigo Echenique; "Barcos en Galicia: de la Prehistoria hasta hoy y del Miño a Finisterre", de José Mª Massó; Estrutura da Pesca Costeira Galega, de Fernando González Laxe; Relinga. Revista de Cultura e Actividades Mariñeiras Tradicionais, de Culturmar;  entre outros títulos e autores;  boias (de cabazas, boureles de cortiza, de vidro, ...), barriles de zingar, botes e barquiños de folla de lata, bucinas, cartas náuticas, cramoeiros, chalecos salvavidas, documentación antiga, faros, fotografías, imaxes, instrumentos de navegación marítima (compases, sextantes, velocímetros,...), ganapans, haladores, maquetas de embarcacións (volanteiros, gamelas, lancha poveira do Alto, moliçeiros, ravelos, dornas, veleiros,...), marcas mariñeiras, patelas, remos,..

 Todo iso, e moito máis que sintetizamos por razons obvias, está a vista de veciños e visitantes, tanto nas fachadas de moitas vivendas, como nos escaparates da maioría dos establecementos comerciais da vila.

 Ese foi - e está sendo - o xeito, totalmente espontáneo, co cal á cidadanía guardesa sumouse ao evento promovido pola Asociación Piueiro e por Culturmar. 

 Por ese motivo nestes días a vila mariñeira de A Guarda mostra con san orgullo súa tradición marítima e eses tesouros que acreditan séculos de coñecementos do medio e da arte da navegación e da pesca, transmitidos oralmente de pais a fillos, e de avós a netos. En definitiva, de sabiduría e de traballo no mar. Desde a prehistoria ata nosos días. 

 Todo iso é cultura. É patrimonio. Un legado magnífico que compre conservar do mellor xeito posible. E para iso - entre outras razóns - xurdiu en boa hora a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro. Desde Infogauda sentímonos moi satisfeitos de todo cando levan feito. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario