2 de xul. de 2019

A GUARDA

FESTA DA LANGOSTA E DA COCIÑA MARIÑEIRA 

Declarada de Interese Turístico de Galicia 

A edición XXIX volve a apostar pola combinación entre a gastronomía local e un completo programa de entretemento.


 Infogauda / A Guarda

 A cita gastronómica terá lugar os días 5, 6 e 7 de xullo no porto da Guarda e a langosta volverá a ser a protagonista indiscutible da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira. A afamada calidade da gastronomía guardesa motivou, desde fai varias edicións, a ampliar a oferta de pratos mariñeiros e así todos os visitantes poderán coñecer os excelentes produtos do mar e, como non, o bo facer dos restauradores guardeses. 

 Dende o ano 2007 a Festa da Langosta pasou a denominarse na Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira adquirindo unha nova dimensión ao ofrecer diferentes pratos mariñeiros e conseguindo achegarse a tódolos gustos do público e revalorizar a festa.  

 A festa celébrase na explanada do porto baixo unha carpa de 1.000 m2. Dende hai varias edicións os comensais poden degustar a langosta e demais produtos comodamente en mesas e cadeiras. Os restaurantes e demais expositores ocupan postos diferenciados na carpa. 

 Tres restaurantes ofrecerán a langosta cocida ou á prancha. E como en edicións anteriores a langosta continúa sendo a protagonista entre máis de 20 produtos e pratos mariñeiros. Dende a primeira edición a sobremesa estrela que acompaña a langosta é a rosca de xema, típica de A Guarda, creada en 1953 por un pasteleiro guardés. Outros produtos son as filloas, tartas, etc.  

O VENRES 5 COMEZA O EVENTO CO PREGOEIRO: O HUMORISTA MONCHO BORRAJO 

 Nesta edición contase cun pregoeiro de gran prestixio como Moncho Borrajo. Actor, humorista e showman nado en Ourense. Arquitecto técnico e licenciado en Belas Artes pasouse aos escenarios hai uns 50 anos cunha destacada presencia na pantalla e no teatro amosando sempre o seu característico humor.  Destaca as súas  inquietudes coma literatura, tamén exerce coma escritor e dramaturgo.  

 O primeiro acto da festa é a lectura do pregón que terá lugar a noitiña do venres 5 de xullo na Praza do Reló ás 21:00 h. Coa lectura do pregón convídase a todos os veciños da Guarda e da comarca e, como non, os visitantes e turistas que nos visitan nos seus días de vacacións. 

 Grazas á excelente habilidade humorística de Moncho Borrajo está asegurado que o seu pregón fará as delicias das autoridades e público en xeral. 

 Tralo pregón a festa trasládase ao porto da localidade, coa apertura da carpa na explanada e os interesados xa poderán degustar da gastronomía guardesa.     

 O recoñecido cómico, Moncho Borrajo actuará ante o público da carpa ás 22:30 horas co seu espectáculo “BORRAJO PERDIDO”. Monólogo cheo de historia, humor, tenrura e un pouco de retranca galega onde interactuará co público. Amosando porque él é o rei da improvisación.  

MÁIS HUMOR CO ACTOR LUIS ZAHERA 

 Os pratos fortes desta edicións é a langosta e o humor con dúas figuras a nivel nacional.  

 O sábado ás 21.00h na carpa actuará Luis Zahera, recoñecido actor galego que foi premiado este ano co Goya ao Mellor actor de reparto. Moitos galegos o coñecimos como “Petróleo” en Mareas vivas.  

 Luis Zahera confésase co seu espectáculo “CHUNGO” xa que ofrece as súas vivencias vitais que o levaron a interpretar papeis raros ou de pouco listo. Farto da vida, da crise, de non ligar e, sobre todo, de todos os papeis de chungo.   

ACTUACIÓNS MUSICAIS 

 Como ven sendo habitual a música galega estará presente co grupo tradicional O Trebón dos Xidos que nos anunciará a festa durante as mañás e fará a apertura da carpa. 

 Para amenizar a quenda do xantar contaremos cos concertos acústicos dos grupos pop. O sábado actuarán Os Nenos Rebeldes e a quenda do domingo resérvase para Awen. 

 As noites están adicadas á música como ven sendo habitual. A noite do venres estará amenizada co tradicional serán mariñeiro onde máis de 10 grupos tradicionais e pandereteiras actuarán a partir das 23:30h. 

 O sábado a partir das 23.00h poderase asistir ao concerto do grupo Vudú. Belém Trajes, ex vocalista de Luar na Lubre, e Maritxinha son as voces deste grupo recoñecido como unha das propostas máis representativas do talento feminino no ámbito da música galega actual. O público poderá gozar do seu no disco “Vudú Vol. III” onde fusionan sons tradicionais, blues e soul. 

 E como é habitual para o peche da festa o domingo terá lugar ás 20:30h a NOITE DO FADO coa actuación de Os Meninos, nova proposta chegada dende Galicia cun claro ollar ao país veciño. É o idioma e a riqueza musical que ofrece este país a base a respecto da cal, Os Meninos desenvolven toda a sua creatividade e sensibilidade. Tradición e modernidade, o fado e o jazz, o flamenco, o tango ou o reggea, danse a man para colorear creacións propias e cancións da música portuguesa    

ENTRETEMENTO

 Durante a fin de semana, a festa contará coa recoñecida Feira de Artesanía na rúa do Porto e coa apertura da Rede de Museos: Museo do Mar, Fortaleza de Santa Cruz e o Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (MASAT).

 Tamén haberá espazo para o deporte co Campionato de Balonmán Praia que terá lugar a fin de semana na área deportiva do Codesal, a uns 800 metros do embarcadoiro do transbordador.

 Este ano repítense os inchables acuáticos no porto polo que é preciso traer bañador e toalla.  Ademais para o entretemento haberá actividades para os nenos e as familias pero destacan tres eventos especiais e diferentes que sorprenderán aos asistentes: 

• Sábado, 19.30h: Espectáculo de maxia RIVEL.  

• Domingo, 12.00h: Actuación musical na carpa onde os nenos poderán gozar e onde a gamela, a embarcación tradicional guardesa, terá un gran protagonismo. 

• Domingo, 19.30h: Concerto infantil de Pako Pakolas co seu espectáculo Contos, Cores e Rock’n’Roll. A música acompaña aos contos e historias da man de Pakolas e Laura Romero que porá as cores e debuxos en directo.  

CAMPAÑA AGRESIÓN OFF 

 A Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira foi declarada de Interese Turístico polo que contará coa Campaña Agresión OFF “Eu digo non á violencia sexual” da Consellería de Igualdade da Xunta de Galicia. No interior da carpa está instalado un punto de información sobre as agresións sexuais e tamén contará con accións de dinamización e sensibilización ao longo da fin de semana. 

 Un ano máis entregarase o prato conmemorativo da festa (ata fin de existencias) a todos aqueles que degusten a langosta e deste xeito dispor dun recordo da agradable xornada no porto da Guarda celebrando a XXIX Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira.

 O evento está organizado polo Concello de A Guarda, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, Pontegal; Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Consellería de Igualdade; e Abanca. 

 ESTABLECEMENTOS COLABORADORES 

 Tres restaurantes da Guarda serán os protagonistas nesta festa gastronómica ofrecendo langosta, percebes e nécoras ademais de 20 especialidades da nosa afamada cociña. Ainda que haberá máis postos: 

 A Pastelería Montserrat (teléfono: 986 611 224) é a encargada do doce nesta afamada festa. Destaca a rosca de xema, tarta de Santa Trega, atalaias de froita, nécoras doces, filloas entre outros doces. A Pastelería Montserrat, coñecida pola súa calidade, a súa tradición pero ante todo pola súa creación, a Rosca de Xema. Creada en 1956 polo fundador e patriarca da empresa, Manuel Alonso, Maestro pasteleiro coñecido pola súa entrega, profesionalidade e don de xentes, conseguiu perpetuar co seu legado, mediante os seus descendentes, un produto único, capaz de crear costumes na vila, e aportar un motivo extra, aparte da súa indiscutible beleza para visitar o noso pobo, A Guarda. Todo isto mantendo sempre a súa fórmula secreta e a súa elaboración artesanal única, que sin dúbida non deixará indiferente a ninguén que a probase. 

 O viño ven da man da Adega Gran Novas (teléfono: 986 626 121) do veciño Concello do Rosal demostrando que a boa gastronomía combina co bo viño elaborado nas Rías Baixas. Esta adega mestura a tradición e a modernidade á perfección. Esta adega conta con vides de máis de 50 anos e coa Denominación de Orixe Rías Baixas. Esta adega ofrecerá dous viños:  

• Gran Novás: 100% albariño. Conta con numerosas distincións como o Bacchus de Prata no XV Concurso Internacional de Vinos 2017. 

• Señorío da Torre: mistura de variedades autóctonas da zona do Rosal, Albariño 75%, Loureiro e Caíño. Recibiu a medalla de Prata no Concurso Mundial de Bruselas 2017.  

PRODUTOS OFERTADOS



 A langosta segue a ser o prato máis desexado polos visitantes e durante estes días repártense máis 500 kg de langosta á prancha na súa maioría. Sen esquecer a variedade dos pratos ofertados que permiten achegar a todos os gustos pola gastronomía galega. 

Restaurante Casa Olga- 986 61 15 16 
Restaurante O Cangrexal – 986 61 11 07 
Restaurante La Pizzicata – 986 61 15 34

Todos os restaurantes ofrecen estes tres produtos estrelas:  

LANGOSTA: 25 €                              
PERCEBE: 10 € 
NÉCORA: 4,50 €

 Os demais pratos son as especialidades que ofertarán os restaurantes e son a mostra da cociña mariñeira guardesa e tamén a galega:

·         CALAMARES: 7 €
·         CAMARÓNS: 10 €
·         CHIPIRÓNS: 7 € 
·         CHOCOS: 9 €  
·         CROQUETAS DE LANGOSTA: 5,50 €
·         CROQUETAS VARIADAS: 5 €
·         EMPANADA ZAMBURIÑAS: 4,50 € 
·         EMPANADAS VARIADAS: 4 €  
·         EMPANADILLA: 1,20 €       
·         ENSALADILLA DE LANGOSTA: 15 €
·         FIDEOS CON AMEIXAS: 6 €
·         GAMBAS: 8 €
·         LANGOSTINOS: 8 €
·         MEXILLÓNS: 5 €
·         NAVALLAS: 8 €
·         PAELLA MARIÑEIRA: 6 €
·         PEMENTOS DE PADRÓN: 4 €
·         PEMENTOS DE PIQUILLO RECHEOS: 5 €
·         POLBO Á FEIRA: 12 €                           
·         VIEIRA: 4 €
·         ZAMBURIÑAS: 10 €
POSTRES:
·         Rosca de Xema: 17 €
·         ½ Rosca de Xema: 9 €
·         ¼ Rosca de Xema: 5 €
·         Ración Rosca de Xema: 1,50 €
·         Tarta Santa Trega: 8 €
·         Atalaias de froita: 2,50 €
·         Nécoras doces: 2 €
·         Filloas recheas: 2,50 €
VIÑO:
Albariño Gran Novas
O Rosal Señorío da Torre
·         Copa: 2 €
·         Botella: 10 €

Ningún comentario:

Publicar un comentario