2 de xul. de 2019

TOMIÑO

A Xunta de Galicia avanza no impulso da VAP Tui-A Guarda sometendo a información pública o trazado do desdobramento da PO-552 en Figueiró  

O DOG publica hoxe que o proxecto de conversión en autovía urbana de 2,1 quilómetros da estrada autonómica entre a glorieta de Goián e o acceso ao núcleo de Estás estará sometido ás achegas dos interesados ata o vindeiro 14 de agosto

O obxectivo é mellorar a seguridade viaria e a mobilidade dun treito de estrada autonómica que soporta uns 14.700 vehículos de media diaria  

Trátase da proposta de trazado que garante a viabilidade da actuación coa menor afección ambiental e social e maior accesibilidade

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez
Foto: X.G. 

Infogauda / Tomiño

 A Xunta de Galicia deu hoxe un novo paso adiante no impulso da vía de altas prestacións (VAP) entre Tui e A Guarda iniciando o proceso de información pública do proxecto de trazado do desdobramento da estrada PO-552 na recta de Figueiró, en Tomiño, que suporá un investimento autonómico de case 12 millóns de euros.  

 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, coa que abordaron o proxecto antes de presentalo publicamente.  

 Ethel Vázquez informou que este proxecto para converter nunha autovía urbana o treito de 2,1 quilómetros da actual estrada autonómica PO-552 entre a glorieta de Goián –na que remata o treito da VAP actualmente en servizo- e o acceso ao núcleo de Estás, estará sometido ás achegas dos interesados ata o vindeiro 14 de agosto, tal como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia. O obxectivo da Xunta é poder aprobar o trazado este ano para desenvolver a continuación o proxecto construtivo da actuación.  

 Trátase, detallou, do primeiro subtreito no que se dividiu o treito central da vía de altas prestacións coa finalidade de racionalizar o seu trazado e de minimizar o seu impacto territorial, tanto pola afección na ribeira do río Miño como a afección ás vivendas.   

 Complétase cun subtreito de nova construción de algo máis de 8 quilómetros entre o núcleo de Estás e a PO-350 cuxo proxecto de trazado se someterá tamén a información pública e avaliación ambiental nos vindeiros meses.  

 A conselleira remarcou que se trata da proposta de trazado que garante a viabilidade da actuación coa menor afección ambiental e social e maior accesibilidade.  

 Ethel Vázquez subliñou que a Xunta está a avanzar así na folla de ruta trazada en conformidade cos concellos do Baixo Miño e cos empresarios de Tui, preparando así mesmo a licitación nos vindeiros meses do treito sinalado como prioritario, que é o enlace de Areas.  

 Precisou que o proxecto construtivo do enlace de Areas xa está entregado e se atopa en fase de supervisión, tras un intenso traballo para poder sacar adiante esta actuación.  

 Esas obras, que suporán un investimento de 20,5 millóns de euros, permitirán conectar a Vía de Altas Prestacións coa A-55 e con Tui e executar a conexión do polígono industrial de Areas, atendendo así unha demanda unánime de veciños e empresarios da zona.  

 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade salientou o esforzo do Goberno galego por facer viable esta infraestrutura e avanzar na súa execución de acordo coas prioridades de concellos e empresarios, tras lograr materializar un investimento de 60 millóns de euros en plena crise económica para pór en servizo o treito A Guarda-Goián.  

Autovía urbana nun treito con case 15.000 vehículos ao día 

 En relación co proxecto de construción dunha autovía urbana na recta de Figueiró, a conselleira subliñou que se trata de aumentar a capacidade dun treito de 2,1 quilómetros da estrada autonómica que une Vigo e Tui, mediante o seu desdobramento entre a glorieta de Goián e o acceso a Estás.  

 Trátase, apuntou de mellorar a seguridade viaria e a mobilidade dun treito de estrada autonómica que soporta uns 14.700 vehículos de media diaria.  

 Contará con 2 carrís de circulación para cada sentido, con dúas calzadas separadas entre si e con acceso limitado para reforzar a seguridade viaria, habilitando pasos inferiores e camiños de servizo desde as propiedades lindantes.  

 Executaranse 3 glorietas para permitir os xiros en condicións de máxima seguridade: a glorieta de Goián, a de Figueiró e a de Estás e realizarase un ramal directo de incorporación desde a estrada autonómica PO-553, que vai desde Goián á fronteira portuguesa, ademais dun ramal directo de conexión co treito xa en servizo da Vía de Altas Prestacións.

 A alcaldesa de Tomiño Sandra González, solicitou á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que a Xunta de Galicia envíe un técnico para explicar de forma máis ampla o proxecto do 2º tramo da VAP Tui- A Guarda e o proceso de alegacións, publicado hoxe no DOG. Asemade, agradeceu que o novo trazado do tramo presentado hoxe en Tomiño, permita á veciñanza do lugar acceder a través de pasos inferiores, facilitándolle a vida diaria. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario