29 de xul. de 2019

A GUARDA

FESTIVAL DE MÚSICA

Adicado a José Luis Lorenzo Rodríguez

O mércores día 7 de agosto, ás 21.30 horas, na igrexa parroquial de Santa María


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

  Organizado pola Asociación Musical Mascarenhas, de A Guarda, o vindeiro mércores día 7 de agosto, ás 21:30 horas, na igrexa parroquial de Santa María de A Guarda, celebrarase un Festival de Música adicado a José Luis Lorenzo Rodríguez.

 No devandito evento participarán:

 · Grupo de Acordeóns Mascarenha
 · Coro Cantábile
 · Rondalla Antorcha
 · Grupo de Gaitas Amigos da Gándara
 · Grupo Lembranzas de O Rosal

 Asemade, actuarán como solistas: Paula González Portela, Laura González Portela, Ana Portela Lorenzo, Andrea Silva Alonso, Ángela Silva Alonso, Sandra Pérez González, Alfonso Souto Pena, Antolín Verde Alonso, Benedicto González González, Fátima Daval Rocha, Mª Carmen Pérez González, José Fernández Laxe, Claudia Freiría Álvarez, Susana Chaver Álvarez, Nieves Álvarez González, Daniel Vilanova González e Iván Rodríguez González.

JOSÉ LUIS LORENZO RODRÍGUEZ: TODA UNHA VIDA CULTIVANDO Á MÚSICA

 Se hai persoa que teña dado probas dabondo da súa vocación musical e da súa xenerosidade, sen dúbida algunha esa persoa chámase José Luis Lorenzo Rodríguez. 

 José Luis, que non é guardés de nacemento, pero que como si o fose, porque desde que decidiu vir coa súa familia para A Guarda, ten exercido como un guardés de lei ao longo de todo o tempo, que tanto él como súa familia, son veciños da vila guardesa.

 A José Luis lembrámolo desde aqueles primeiros anos nos que xunto coa súa esposa Ermitas fundaron o establecemento Almacenes Rodríguez, e desde un primeiro intre, conectaron coa veciñanza do noso pobo e dos concellos veciños. 

 Por aquel entón, ainda non sabiamos que José Luis Lorenzo Rodríguez, ademáis dunha persoa emprendedora, era tamén un ser humano dotado dunha profunda vocación musical. Axiña teríamos boa proba diso, xa que foi un dos membros fundadores da Agrupación Coral Polifónica de A Guarda. E despois, pasado un tempo, fundaría o Coro Arpegios, que logo dunha froitífera andaina, pasaría a chamarse Coro Cantábile. E a partir de aí, súa inquedanza musical foi in crescendo, de tal xeito que da música coral pasaría á música instrumental, fundando e dirixindo o Grupo de Acordeons Mascarenhas.

 É decir, cando indicamos que José Luis Lorenzo Rodríguez é unha persoa emprendedora, non soio nos referíamos - que xa non sería pouco - a súa iniciativa empresarial, senón a esta outra faceta, adicada por enteiro - sobor de todo, logo da súa xubilación -, a música.

 E cando nos referimos a José Luis Lorenzo Rodríguez como músico, temos que necesariamente decir tamén que non somentes fundou e dirixiu varias formacións, senón que compuxo, fixo arranxos, musicalizou poemas doutros autores, como por exemplo de Chuny Vázquez, e todo iso, que é un  mundo de actividade cultural, desenvolvida tanto en actuacións e concertos no noso pobo, como noutras localidades de Galicia, e doutras Comunidades Autónomas de España e tamén en Portugal; sempre cun sorriso nos beizos e sempre coa máis absoluta modestia e sinxeleza, nos ademáns, nas expresións e nas miradas. A pesares de haber pasado por épocas nada doadas no referente á súa saúde persoal. 

 Por todo iso, que obviamente é un resumo da súa extensa actividade, saudamos á iniciativa de adicarlle a José Luis Lorenzo Rodríguez o Festival de Música do día 7 de agosto.

RESEÑA BIOGRÁFICA DE JOSÉ LUIS LORENZO RODRÍGUEZ


 José Luis Lorenzo Rodríguez (Vigo,1944), iniciou os estudos primarios no colexio dos Salesianos. A moi temperá idade, emigrou coa súa familia a Río de Janeiro (Brasil), onde prosegue os seus estudos e realiza a súa formación musical na Academia de Artes Mario Mascarenhas, onde en 1961, con dezasete anos, logra diplomarse como acordeonista na Academia de Artes Mario  Mascarenhas e pola Orde dos Músicos Profesionais de Brasil. Dous anos despois, lograría o título de Harmonía Musical, tamén na Academia Mascarenhas e asiste a clases de pedagoxía musical con prestixiosos profesores. A continuación comeza a impartir clases de acordeón, teoría e solfexo, iniciando a súa etapa profesional e artística en diversos grupos e orquestras que por aquel entón amenizaban os bailes nas sociedades culturais de Río de Janeiro. En 1965 funda o seu primeiro grupo de acordeóns, “Recuerdos de España”. A esta formación seguírona a orquestra Muchachos de España, orquestra  Veracruz, entre outras. En 1967 produce e presenta o programa radiofónico “Musical Ibérico” dedicado á información e música da Península na radio Río de Janeiro. No ano 1971, regresa definitivamente a España. Anos máis tarde, comeza unha nova etapa musical coa fundación do Coro Xuvenil  Arpegios  Cantabile. Durante os 21 anos á fronte do coro logrou diversos premios en concursos de Galicia e outras cidades de España. O Coro  Arpegios realiza dous traballos discográficos: “Canto A Guarda” e “XX anos cantando”. Á fronte do Coro Arpegios, compón e adapta numerosas obras para coro de voces brancas, logrando diversos premios de composición. No ano 1997, promove a fundación do Grupo de Acordeóns Mascarenhas, en homenaxe ao profesor Mario Mascarenhas, gran promotor da música española en Brasil. Como director do Grupo de Acordeóns Mascarenhas, realiza dous traballos discográficos: “Mis Recuerdos” (2004) e “X anos  xuntos” (2007). Compuxo con fins didácticos diversas obras para acordeón así como numerosas adaptacións de música popular de Galicia, e publicou Método fácil de acordeón (Iª parte) e Método fácil de acordeón (2ª parte), editados por Eds. do Cumio.

 En 2011, convidado pola Asociación Pedra Furada, foi pregoeiro das Festas do Monte Santa Trega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario