A Guarda premiada co diploma de ouro da Rede galega de praias sen fume
O concello guardés é un dos 10 municipios de Galicia no que todas as súas praias se atopan dentro da devandita rede
O director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares Rodríguez facendo á entrega do diploma de ouro da Rede galega de praias se fume, ao concelleiro de Tráfico e emerxencias, e medio ambiente, Xan Lois Lomba Alonso, en presenza do tenente-alcalde, Anxo Lois Baz Vicente e da concelleira Montserrat Magallanes Álvarez
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O executivo municipal do Concello de A Guarda, que preside o alcalde Antonio Lomba Baz fixo público no día de hoxe que o pasado mércores día 24 de xullo o director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares Rodríguez, entregoulle ao concelleiro de Tráfico e emerxencias, e medio ambiente, Xan Lois Lomba Alonso, o diploma de ouro da Rede galega de praias se fume, acto ao que asistiron tamén o tenente-alcalde, Anxo Lois Baz Vicente e a concelleira Montserrat Magallanes Álvarez.
Nestes momentos, 141 praias de 64 concellos integran a Rede galega de praias sen fume, sendo A Guarda un dos 10 municipios no que todas as súas praias se atopan dentro da devandita Rede.
Posta en marcha pola Consellería de Sanidade, a través da súa Dirección Xeral de Saúde Pública, a Rede Galega de praias sen fume é cada vez máis extensa, repartida non só nos concellos da costa, senón, tamén, polas ribeiras dos ríos, xa que conta con 29 praias fluviais, o que facilita poder elixir espazos libres de fume do tabaco para desfrutar do tempo de ocio.
Dende o Concello da Guarda recórdase que é moi necesaria a implicación de todos e a participación activa da sociedade para sensibilizar á poboación ante estes consumos de risco para a saúde.
As últimas cifras de prevalencia en Galicia indican que o 19,7% da poboación da nosa comunidade é fumadora e o 15,3% dos mozos e mozas de 16 a 24 anos fuman diariamente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario