27 de xuño de 2019

VIGO

CIG-Saúde da Comarca de Vigo denuncia que o transporte urxente de profesionais do PAC de Vigo para atender nos domicilios e na rúa estase a realizar en precario. 
 
 O pasado mes de marzo a Xerencia da EOXI de Vigo anunciou a renovación da flota de vehículos da EOXI, vehículos destinados aos servizos de Hospitalización a Domicilio (HADO), Psiquiatría, Hemodinámica e tamén para mantemento. En ningún momento se falou de renovar os vehículos do PAC de Vigo. 

 O PAC de Vigo é o único dispositivo de urxencias extrahospitalarias co que conta a cidade. Situado no antigo Hospital Xeral, encárgase das atencións urxentes tanto no propio centro como nos domicilios dos pacientes e na vía pública, cunha poboación ao seu cargo de preto de 400.000 habitantes. 

 Para realizar as atencións fora do centro o PAC conta con dous vehículos especiais con luces de emerxencia e sirenas, para o traslado do persoal sanitario ao punto onde se precisan os seus servizos. 

 Un dos vehículos sufriu un accidente estando de servizo o pasado 29 de maio co resultado de “sinistro total”. Por este motivo houbo de ser substituído por outro que non conta cos requisitos necesarios para realizar emerxencias, ao non dispoñer de luces rotativas nin sirenas non é apto para a realización, con seguridade, daquelas asistencias que requiren dun desprazamento rápido pola cidade, polo que non pode ser empregado a maioría das veces. 

 Sobre o segundo vehículo se teñen notificado nos últimos meses numerosas incidencias, que a data de hoxe seguen sen ser resoltas (problemas coa batería, coas sirenas, co aceite,...).

 Por todo isto podemos afirmar que o transporte urxente do persoal para as consultas domiciliarias e atencións en vía pública da cidade de Vigo, cuns beneficiarios potenciais que poden achegarse aos 400.000, estase a realizar en precario e sen que, ata o de agora, os responsables de solucionar a situación teñan feito moito por revertila. 

 Vigo, 27 de xuño de 2019 

Begoña Peiteado Garrido 
CIG-Saúde Vigo
(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario