19 de xuño de 2019

TURISMO

“VALDEORRAS, DENOMINACIÓN DE CINEMA”: PRIMEIRO CONCURSO NACIONAL DE CURTAS PARA PROMOCIONAR A COMARCA 

A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid acolleu o acto, cuxo obxectivo é ofrecer a zona como un “marabilloso estudio de rodaxe”  

Na mesa, Araceli Fernández, Jhon Varo, o delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega, Xavi Castro e Olalla Rodríguez
Fotos: Casa de Galicia

Infogauda / Madrid

 A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta mañá a presentación de “Valdeorras, denominación de cinema”, primeiro concurso express de curtametraxes nacional que se celebrará en Valdeorras (Ourense) do 26 de agosto ao 1 de setembro, e que ten como obxectivo o colocar a comarca durante unha semana no mapa a través do cinema e ofrecela como un “marabilloso estudio de rodaxe” no que os amantes do Sétimo Arte poden atopar “case” todo tipo de localizacións naturais. A iniciativa está organizada pola produtora Sintelobos, coa colaboración da empresa  AA360, de formación e cursos para actores e actrices  e patrocinada pola Denominación de Orixe de Valdeorras. 

 Na presentación, que estivo presidida polo delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia José Ramón Ónega, interviñeron: os organizadores do concurso Xavi Castro e Olalla Rodríguez;  Jhon Varo da empresa AA360; e Araceli Fernández, do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras. 

 “A fotografía é a verdade. O cinema é a verdade 24 veces por segundo”, dixo Ónega citando a Jean-Luc Godard tras as súas palabras de benvida e sinalou que “o certame é unha idea excelente e desde logo á zona atractivos non lle faltan para que se roden curtos, películas, series e o que se queira, porque ten vales, montañas, o río Sil que é unha preciosidade...e ¡sen esquecer o viño!”. 


Ao acto asistiron tanto profesionais como público en xeral

 Os organizadores deron a coñecer as bases e para poder participar e que a curtametraxe sexa aceptada no certame “é indispensable gravar nalgunha das localizacións propostas pola organización”. A inscrición é totalmente gratuíta e estará aberta ata o 5 de agosto. “Cal rodaxe de guerrilla, os concursantes terán 5 días para idear, rodar e montar os seus proxectos en diferentes zonas asignadas e poderán competir ademais en dúas categorías: ficción ou documental e publicidade. Un reto de rodaxe  express que busca incentivar aos creadores máis orixinais e á vez explorar todas as posibilidades que ten Valdeorras como set de rodaxe”. 

 Ademais, van contar coa colaboración de moitos negocios da zona como perruquerías, tendas de roupa, transportes... que se van a envorcar cedendo o seu traballo ou diversos materiais aos participantes. “Imos tentar que todo sexa o máis fácil posible”, dixeron os organizadores.   

 Tamén explicaron que hai dúas modalidades de rodaxe, unha de ficción ou documental e outra de publicidade. Na primeira, os participantes terán total liberdade sobre o xénero, temática e postproducción da curta, sendo requisito fundamental que apareza na curtametraxe polo menos un lugar da listaxe de localizacións da comarca de Valdeorras, un obxecto e unha frase común para todos os equipos que se darán a coñecer o mesmo días 26 de agosto. A duración máxima é de 10 minutos con  cortiniñas incluídas tanto de entrada e de saída. En cambio na modalidade curtametraxe publicitaria deberá incluír un obxecto, unha frase común para o resto de equipos e debe aparecer polo menos unha localización da listaxe. A duración máxima é de 3 minutos con  cortiniña de entrada e de saída incluída que estará dispoñible na web no apartado de descargas. 

 Para Araceli Fernández, “a  D.O. Valdeorras, a pesar de ser a segunda máis antiga de Galicia e moi coñecida porque apostou polo godello como variedade autóctona, moita xente non sabe nin onde estamos, polo que esta é unha oportunidade que queremos apoiar con entusiasmo, e brindar por ela co noso viño”. 

 O concurso está organizado pola produtora SINTELOBOS, coa colaboración da empresa AA360, de formación e cursos para actores e actrices, e patrocinado pola Denominación de Orixe de Valdeorras, quen ofreceu unha copa de viño para brindar polo éxito da  iniciativa.

 Para inscribirse ou ter máis información://www.valdeorrasdecine.com/

Ningún comentario:

Publicar un comentario