5 de xuño de 2019

TOMIÑO

A alcaldesa chega a Londres, onde asistirá a partir de mañá, á 10ª Conferencia Internacional de Mercados Públicos 

Representará ao Mercado de Tomiño xunto a 400 representantes de mercados de todo o mundo  

Sandra González Álvarez falará en Londres do Mercado Municipal de Tomiño
Foto: C.T.

 Infogauda / Tomiño

 O Mercado Municipal de Tomiño foi seleccionado polos organizadores da 10ª Conferencia Internacional de Mercados Públicos, que terá lugar os dias 6, 7 e 8 de xuño no City Hall de Londres. Esta mañá a alcaldesa en funcions de Tomiño, Sandra González Álvarez, chegaba a esa cidade para asistir ás xornadas, que comezan mañá.

 Para esta conferencia, á que se espera asistan máis de 400 representantes de mercados de todo o mundo, foron seleccionados 20 exemplos como poñentes, entre os que se atopa Tomiño.  

 A conferencia é un punto de encontro anual dos axentes que traballan en mercados públicos, e que pon o acento no papel que teñen estes como cohesionadores sociais, conectando as economías locais  e as  comunidades. Tomiño foi seleccionado, precisamente, por ter sido un proxecto que foi confeccionado por un equipo multidisciplinar e coa participación dos propios veciños/as, no que ademais do mercado, se transformou a contorna, conseguindo que as persoas dispuxeran dun lugar de encontro e convivencia, o que modificou radicalmente a vida da vila.  

 A intervención da alcaldesa de Tomiño está marcada para o día 7 de xuño ás 16:00h, co fin de que relaten a experiencia e falen do papel do novo espazo coma elemento transformador da vida da vila.  

 Na mesma mesa intervirá o Dr. Calvin Lee Kwan, director xeral de  Corporate Development & Strategy Link Asset, de Hong Kong, e Oscar Martin, do Institut Municipal de Mercats, de Barcelona.  

 O alcalde de Londres, Sadiq Khan, será o encargado do discurso inaugural o día 6 as 9.00h na Catedral de Southwark.  

 A organización do evento corre a cargo de Project for Public Spaces (PPS), organización con sede en New York, que cada ano programa unha axenda que, ademais de conferencias, inclúe talleres, seminarios e visitas aos mercados da cidade onde se celebra a actividade. O encontro, ao que so asisten profesionais, celébrase sempre en grandes cidades como San Francisco, París ou Barcelona.

Ningún comentario:

Publicar un comentario