SonDeSeu abre a tempada de concertos na Praza do Seixo de Tomiño
Máis de 60 propostas culturais e deportivas realizadas desde as distintas áreas, compoñen a nova Axenda de Verán organizada polo Concello
Concerto dunha banda de música na Praza do Seixo
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
A orquestra de música folk contemporánea SonDeSeu abrirá en concerto a Axenda de Verán do Concello de Tomiño. O sábado 29 de xuño, a formación actuará na Praza do Seixo a partir das 22.30 horas, cun repertorio con temas procedentes da tradición oral da música popular de Galicia, arranxados especialmente para a formación polos seus compoñentes.
A nova axenda de verán do Concello reúne máis de 60 propostas culturais e deportivas organizadas desde diferentes áreas, que da coma resultado un programa de actividades transversal e integrador, no que teñen cabida a todas as citas relacionadas coa cultura, o deporte, a mocidade, o voluntariado, o patrimonio e un longo etcétera.
A programación aglutina todas as actividades organizadas no municipio para o vindeiro trimestre; actividades que forman parte da recén editada axenda en papel, a mesma que recolle máis de 60 espectáculos ou outros eventos que se levarán a cabo nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro de 2019.
Esta axenda está a distribuírse en lugares de moito tránsito co propósito de difundir as actividades e facer chegar o programa a todos os veciños e veciñas da vila, aínda que tamén pode consultarse na web do Concello (https://tomino.gal).
A programación arranca o sábado 29 de xuño coa actuación de SonDeSeu dentro do ciclo Musigal , seguida da Exposición Ruta Artes e Oficios, que chega outro verán da man dos artistas tomiñeses. A partir do día 1 de xullo, levaranse a cabo varios percorridos por lugares relacionados con oficios e artes (Pazo Valdomiño, Adegas do Vimbio, Viveiros Nilo, taller de bombos de Félix Oliveira; estudos de Magín Picallo (escultura) e Pilar Alonso (pintura).
Inglés para viaxar
No mes de xullo haberá tamén un curso de inglés para persoas viaxeiras; abrirase o punto de información no Espazo Fortaleza, con actividades de caracter cultural e de promoción turistica; e a Aula Museo Antonio Fernández, con exposicións, obradoiros e cursos. Tamén as xeiras polo patrimonio cultural, etnográfico e paisaxístico, voltarán celebrarse. A primeira será o día 4, xoves, “As pegadas na paisaxe: mámoas, ouro, toponimia e garranos”, guiada por Xosé Lois Vilar, do Instituto de Estudos Miñoranos.
Por outra banda, os ciclos de música “O Son da Praza”, e “Cine na rúa”, ambos os dous no Seixo, traerán espectáculo e colorido á Praza do Seixo, situada no centro da vila, ao longo de todo o verán, con concertos de música caboverdiana, gaitas, música de banda, baile tradicional galego, cine familiar e infantil, etc.
Ningún comentario:
Publicar un comentario