Saúde Mental FEAFES Galicia reúne este sábado a 100 persoas no XIII campionato de balompé “Todos polo fútbol”
• O torneo, no que participan oito equipos de persoas con problemas de saúde mental, terá lugar no Pavillón de Fontiñas (Santiago de Compostela).
• O obxectivo do encontro é promover o deporte entre as persoas deste colectivo e fomentar a práctica de ocio normalizado.
A imaxe corresponde á unha xogada dun encontro da edición de 2018
Ana Escrigas Rodríguez / Santiago de Compostela
Saúde Mental FEAFES Galicia celebra este sábado, 29 de xuño, o XIII campionato de balompé “Todos polo Fútbol”, un encontro deportivo no que participarán oito equipos de asociacións de saúde mental de toda a comunidade autónoma.
O torneo terá lugar no Pavillón de Fontiñas, en Santiago de Compostela, a partir das 10:00 da mañá. Disputaranse diversos partidos ao longo de toda a xornada que culminarán coa final, que terá lugar ás 16:30 da tarde. Os equipos participantes pertencen a entidades federadas en Saúde Mental FEAFES Galicia: Alba (Pontevedra), Doa (Vigo e Cangas), FEAFES (Lugo, Santiago e Vigo), Lar (Vilagarcía), Lenda (Redondela) e Morea (O Barco).
Ademais desta copa, no encontro celebrarase tamén a final da liga de Saúde Mental FEAFES Galicia que comezou no mes de marzo. Nela enfrontaranse os equipos Lenda de Redondela e Alba de Pontevedra. Finalmente, ás 17:15 realizarase a entrega de premios aos campións de liga e de copa, do mesmo xeito que se entregará unha medalla a cada participante.
Saúde Mental FEAFES Galicia estima que a este evento acudirán arredor de 100 persoas entre participantes e acompañantes, pois trátase dunha actividade que conta cunha gran acollida e interese por parte das asociacións de saúde mental.
O evento, organizado polo servizo de Ocio e Deportes de Saúde Mental FEAFES Galicia, ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través, neste torneo, Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións amosan á sociedade a imaxe máis positiva das persoas con enfermidade mental, loitando de modo activo contra os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a estas persoas.
As actividades organizadas polo servizo de Ocio e Deportes axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ós familiares na súa tarefa de coidadores.
Saúde Mental FEAFES Galicia
A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que teñen problemas de saúde mental e a dos seus familiares.
O ámbito de actuación de Saúde Mental FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega que posúen centros e servizos en máis de 30 localidades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario