10 de xuño de 2019

SANTiAGO DE COMPOSTELA

Encontro Monográfico co Patrimonio Cultural.27  

HABITANDO A TERRA DOS MORTOS. INVESTIGACIÓNS ARQUEOLÓXICAS NA SERRA DA BARBANZA (A CORUÑA): 2014-2018  

Martes, 25 de xuño ás 17:30 horas  
Consello da Cultura Galega (Santiago de Compostela)

Organiza: Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega.   

CCG / Santiago de Compostela

 A Serra da Barbanza constitúese como unha área practicamente deshabitada na actualidade, pero que goza, non obstante, dunha enorme riqueza paisaxística, medioambiental e arqueolóxica, especialmente debido á gran presenza de túmulos funerarios de cronoloxía prehistórica. 

 Esta intensidade do fenómeno tumular barbandés espertou o interese da arqueoloxía dende practicamente os inicios desta disciplina, sendo a Serra da Barbanza o escenario dunha serie de estudos que tiveron un enorme calado na Arqueoloxía galega. Porén, de modo máis ou menos involuntario, este tipo de interpretacións axudou a fomentar unha imaxe das serras e zonas altas da nosa comunidade como lugares nos que a presenza humana ao longo da historia sería escasa ou moi dispersa; proxectando ao pasado o papel de áreas periféricas ou marxinais que estas desempeñan nos modelos contemporáneos da ocupación do territorio. 

 As investigacións realizadas na Serra da Barbanza ao longo do último lustro axudaron a mudar substancialmente esta imaxe, amosando con claridade como este lugar foi o escenario dunha ocupación humana moito máis intensa do que tradicionalmente se considerara. Así o suxire a identificación de máis de medio centenar de estruturas previamente descoñecidas cuxa orixe semella estar fundamentalmente relacionada coa explotación gandeira dos pequenos vales fluviais do alto da Serra. As escavacións arqueolóxicas realizadas dende 2014 permitiron identificar como algunhas destas construcións foron ocupadas durante un período de tempo que se estendería, cando menos, dende a Idade do Bronce até a Idade Media. 

 Neste encontro presentaranse os principais resultados das investigacións levadas a cabo na Serra da Barbanza ao longo dos últimos anos, ao tempo que se reflexionará sobre a importancia que estes teñen tanto para a Arqueoloxía galega como para o coñecemento sobre as orixes da explotación gandeira das zonas altas do noso país e para o futuro dunhas áreas que na actualidade tenden a atoparse económica e demograficamente deprimidas.   

 Participan Carlos Rodríguez Rellán (Grupo de Estudos para a Prehistoria do NW Ibérico - Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, Universidade de Santiago de Compostela), José Carlos Sánchez Pardo (GI Síncrisis, USC) e Rebeca Blanco-Rotea (GI Síncrisis, USC; Consello da Cultura Galega).

 PROGRAMA 

17:30 horas 
Presentación 
17:45 horas  
Habitando a terra dos mortos. Investigacións arqueolóxicas na Serra da Barbanza (A Coruña): 2014 a 2018 
Carlos Rodríguez Rellán, Grupo de Estudos para a Prehistoria do NW Ibérico - Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, Universidade de Santiago de Compostela

19:00 horas 
Debate co público asistente Introducen e moderan:  José Carlos Sánchez Pardo  (GI Síncrisis, USC) e  Rebeca Blanco- Rotea  (GI Síncrisis, USC; Consello da Cultura Galega)

 INSCRICIÓN 
A inscrición é gratuíta.  O número de prazas é limitado (100 persoas).  As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.  Entregarase diploma acreditativo de asistencia ao encontro.  Para obter o diploma é preciso asistir ao 75% das sesións. 

MÁIS INFORMACIÓN 
www.consellodacultura.gal  
difusion@consellodacultura.gal  
Consulta os materiais en http://consellodacultura.gal/mediateca

Ningún comentario:

Publicar un comentario