5 de xuño de 2019

SALCEDA DE CASELAS

Segundo afirma Santiago Rodríguez Davila

TOURÓN ESTÁ A NEGOCIAR PERSOALMENTE UN “PACTO CO DEMO” CON QUEN A DENIGROU E AOS QUE ACUSOU DE “CAZA DE BRUXAS” FAI MENOS DUN MES 

O portavoz do PP de Salceda, Santiago Rodríguez Davila, acusa a líder socialista de “priorizar o seu interese persoal á decisión que os veciños tomaron nas urnas” 

Os populares lembran a Verónica Tourón que aínda están a esperar a chamada prometida un día despois das eleccións para sentar a falar “cun interlocutor” porque ela rexeitaba encabezar as negociacións 

Santiago Rodríguez Davila, portavoz e candidato do PP á Alcaldía de Salceda de Caselas

 Infogauda / Salceda de Caselas

 O PP de Salceda de Caselas critica que a portavoz socialista na localidade, Verónica Tourón, decidise negociar persoalmente con Movemento Salceda o futuro do Concello cando fai menos dun mes acusáballes de “caza de bruxas” e de ofrecer un trato denigrante, entre outros cualificativos, no último pleno ordinario. Para o portavoz e candidato aos comicios do 26 M, Santiago Rodríguez Davila, trátase dun “pacto co demo” e unha “incoherencia” que demostra que Tourón está “a priorizar o seu interese persoal” fronte á decisión das urnas e á opinión que ela mesma ten sobre a “nefasta xestión de MS durante os doce anos de goberno”. Precisamente, Davila lémbralle que “os socialistas se viron obrigados a deixar en minoría a MS pola súa xestión ditatorial, motivo polo que tras as eleccións de 2015 decidiron non reeditar o pacto e afirmar dende entón que este partido gobernaría Salceda porque así o decidían os veciños, algo que mantivo ata o domingo 26 de marzo”

 Para os populares, resulta “curioso” que “fai menos dun mes a portavoz socialista exaltásese pola actitude de MS e pola caza de bruxas, expresión que ela mesma utilizou na última sesión plenaria referíndose ao goberno de Besada, e agora sente con Loli Castiñeira para repartirse os cargos”. “Para min isto si que é unha incoherencia e unha evidencia de que o único que lle interesa a Verónica Tourón é ela mesma e non o futuro de Salceda e dos salcedenses”, valora. 

O PP, lexitimado para gobernar Salceda 

 Ademais, Rodríguez Davila lamenta que a portavoz socialista néguese a sentar co PP “cando é a forza máis votada e a que apoiaron maioritariamente os veciños”. Así, engade que “resulta incomprensible que Tourón poida ocupar a alcaldía de Salceda cando é o partido que menos votos recibiu o pasado 26 M” algo que o portavoz popular cualifica de “estafa aos salcedenses”. “Os veciños lexitimáronnos o poder de gobernar para darlle estabilidade ao Concello, o resto de opcións non son máis que crispación, malgasto e a duplicidade de cargos para contentar á outra socia”, apostila. 

 O PP duplicou o número de votos o pasado 26 de marzo mentres que a líder socialista quedouse moi lonxe da vitoria e, menos aínda, da Alcaldía. Por dar un dato, en San Xurxo, a parroquia de Verónica Tourón, o PSdeG obtivo só 90 papeletas, fronte ás 236 do PP, dun total de 455 votantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario