21 de xuño de 2019

PONTEVEDRA

Areeiro aconsella renovar os tratamentos contra o mildio e o oídio ante a previsión de inestabilidade climática 

Indica que as probabilidades de choiva para os vindeiros días, acompañadas de temperaturas nocturnas suaves, son moi propicias para a propagación de ambos fungos


 Follas de vides con mildio
Foto: EFA

Infogauda / Pontevedra

  A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) aconsella no seu aviso fitosanitario semanal que, ante a climatoloxía prevista para os vindeiros días, é necesario renovar os tratamentos contra o fungo do mildio e tamén do oídio. O equipo técnico da EFA indica que a práctica totalidade de axencias meteorolóxicas están a anunciar unha climatoloxía inestable, con probabilidades de choiva, moi especialmente o domingo, e con temperaturas nocturnas suaves, e lembran que precisamente estas son as condicións idóneas para a propagación do fungo do mildio. Ademais de aconsellar renovar as intervencións contra esta enfermidade con carácter xeral, tamén indican que naquelas viñas que a renovación do tratamento se fixera xa nos últimos días, será necesario verificar a eficacia do tratamento. 

 Ademais, insisten en que, con esta climatoloxía, é primordial combinar os tratamentos coas prácticas de cultivo tendentes a manter unha boa ventilación nos viñedos, e mencionan o control da vexetación "sobrante" das viñas e da do solo. Sobre a aplicación dos tratamentos, recomendan realizalos en condicións adecuadas, procurando recubrir ben a vexetación e os acios, para o que é preciso unha adecuada regulación dos atomizadores.  

 En canto ao oídio, informan que se volveron encontrar novos síntomas do patóxeno en dúas parcelas da zona da IXP Ribeiras do Morrazo, aínda que aclaran que de escasa incidencia. Os síntomas estaban localizados na folla, non en acio, pero desde a EFA lembran que este é un dos períodos nos que este fungo soe xerar problemas o que, unido á previsión climática, fai necesario coidar os  tratamentos e, ao igual que no caso do mildio, acometer labores culturais que favorezan a aireación dos acios.  

 No caso da acariose, desde a EFA informan que esta semana foron encontrados os primeiros síntomas, confirmados no laboratorio, de acariose en dúas viñas -unha abandonada, outra tratada- da IXP Ribeiras do Morrazo, que  veñen sumarse aos atopados a semana pasada en viñas de O Rosal. Polo momento, desde Areeiro consideran estes casos como puntuais. Tamén están constatando un aumento no número de follas novas afectadas nos gromos máis tenros por erinose, pero os técnicos insisten en que non hai que tratar esta praga, por moito que o síntoma sexa evidente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario